Abren as portas as XXVII Xornadas de BD de Ourense

O premio ao mellor labor no campo da BD foi para o programa Metrópoles Delirantes

O Museo Provincial acolle hoxe ás 18:30 horas a apertura das exposicións que centran o programa das XXVII Xornadas de Banda Deseñada de Ourense. A veterana cita da novena arte volta á Cidade das Burgas cun programa reducido e, segundo denuncian desde a organización, sen apoio público da Xunta nin da Casa da Xuventude. O Museo acolle as mostras dos traballos premiados na pasada edición do Certame Benito Losada de Banda Deseñada, a colectiva Creando nun garaxe dos alumnos da escola de BD O Garaxe Hermético e a xa habitual dos traballos que recibiron axudas do Instituto da Xuventude. Ademais, no programa inclúese a entrega do Premio Ourense de Banda Deseñada, que foi este ano para o programa de radio por Internet Metrópoles Delirantes "polo gran labor de difusión do cómic e da BD galega".

No marco das xornadas convocouse tamén a IV Edición do Certame Benito Losada de Banda Deseñada, que aumentou a súa participación e recibiu 22 traballos de 20 autores diferentes. O primeiro premio, dotado con 900 euros, foi para Victor L. Pinel e Alicia Jaraba Abellan por Pendulum, mentres o segundo foi tamén para Alicia Jaraba por Superheroes, polo que recibirá 300 euros. Ademais, recibiron mencións de honra Elisabet García Aires por Chéjov , Pablo A. Rosendo por s/título e Xulia Pisón por A única maneira.

Na categoría para menores de 17 anos gañou Breixo Mosquera Freire con Volvendo á rutina, que lle valeu 300€, e houbo mencións de honra para Carlos Fandiño Soto por A abella e o dardo, Iria Couso Buján por s/título e Ismael López Arias por Antón e Cibrán. As exposicións estarán abertas ata o vindeiro 30 de outubro.