O libro electrónico comeza a despegar en Galicia

ASí o desvela o informe As TIC, redes e cultura do CCG

ASí o desvela o informe As TIC, redes e cultura do CCG
A relación dos galegos e galegas coas novas tecnoloxías é cada vez máis intensa. Os fogares están máis e mellor equipados e só as radios perden terreo no ámbito doméstico. Ademais, o seu uso é máis frecuente (sóbense máis contidos, empréganse máis redes sociais, medran os blogs…). Con todo, o uso cultural ten tamén outras lecturas. O libro electrónico constata un forte ascenso, un 70% no último ano, mentres que a compra de películas e música retrocede case sete puntos. Son as cifras de “As TIC, redes e cultura”, o último Documento de Traballo do Observatorio da Cultura Galega (DT-OCG).

A dotación de tecnoloxía dos fogares medra cada ano. A presenza de ordenadores incrementouse 4,2 puntos en 2014 con respecto ao ano anterior e continúa a tendencia á alza, que queda agora nun 72,6%. A televisión segue sendo a estrela, o 99,3% dos fogares teñen unha, e só a radio retrocede tres puntos ao rexistrar un 77,3% de usuarios en 2014. A gran novidade é o forte aumento do libro electrónico, que sobe un 70% nun ano e se sitúa no 16,5% dos fogares galegos. Con todo, segue lonxe do que acontece en Madrid e no País Vasco, onte teñen unha cota de uso dun 33,1% e dun 27,5% respectivamente.

O uso da tecnoloxía
O Documento de Traballo fai unha análise da utilización que a cidadanía galega fai da tecnoloxía. A busca de información sobre bens e servizos a través de Internet e o uso do correo electrónico son os produtos máis empregados, seguidos da lectura e descarga de noticias, xornais e revistas de actualidade na rede. Neste último servizo, as e os galegos superan a media estatal en 10 puntos porcentuais, un 87,3% fronte a un 77,6%. Así mesmo, cada vez son máis as persoas que manexan os servizos da banca electrónica, é dicir, un 50,5% dos usuarios galegos e un 49,1% do total de España.

O DT-OCG tamén constata que a idade segue a influír no uso de Internet, xa que todos os novos a empregan, porcentaxe que baixa a medida que sobe a idade. En 2014, só o 25% dos que teñen máis de 65 anos declaran unha utilización frecuente da Internet.

En canto aos indicadores de comercio electrónico por parte dos galegos e galegas, en 2014 medraron en case 270.000 as persoas que mercaron por Internet con respecto a 2013. O uso máis frecuente é para comprar entradas de concertos ou espectáculos, feito que compartimos coa media estatal. Séguelle a compra de equipamentos electrónicos e informáticos, libros (incluídos os electrónicos), revistas e xornais.Non obstante, o máis destacado é que en Galicia descendeu de xeito notorio a adquisición de películas e música, que pasa dun 23,3% en 2013 a un 16,4% en 2014; aínda que segue por riba do total de España.

A cidadanía galega manexa as redes sociais en primeiro lugar para relacionarse e, en segundo lugar, para estar informada. As máis empregadas son Facebook, Twitter, Google +, Instagram e LinkedIn. No tocante á navegación, as páxinas galegas máis visitadas polos internautas en 2014 foron lavozdegalicia.es, mundo-r.com, farodevigo.es, meteogalicia.es e xunta.es. No que concirne ao servizo de mensaxaría, o WhatsApp segue a ser o servizo preferido, cun 92,4% de usuarios, que medra 6,8 puntos con respecto ao ano anterior. Facebook Messenger e Skype tamén soben, pero dun xeito máis limitado.

Tanto en Galicia como no conxunto de España, as cinco actividades principais dos internautas son: ler noticias de actualidade, visualizar vídeos en liña, consultar previsións meteorolóxicas e mapas e escoitar música.