Trinta anos de títeres

Os encontros de titiriteiros marcaron a evolución da arte dos bonecos no país

Os encontros de titiriteiros marcaron a evolución da arte dos bonecos no país
Foto: Museo Galego da Marioneta
Hai trinta anos, un incipiente movemento artístico comezaba a se organizar no noso país. Nos primeiros anos oitenta nacían as primeiras compañías de títeres, e en 1985 o I Festival Galego de Titiriteiros sentaba as bases do asociacionismo no sector. Aínda que moitas cousas mudaron deste entón, hai cuestións que continúan vivas entre estes artistas. Unha exposición no Museo Galego da Marioneta lembra aquel primeiro encontro e os comezos profesionais da arte dos bonecos.

Eran os oitenta… é o título da exposición que ata o vindeiro 15 de setembro se pode ver no Museo Galego da Marioneta. A coincidir coa celebración do festival Titirideza, o local acolle unha mostra de carteis, programas e materiais que repasan o mundo dos títeres durante esa década. "Quixemos conmemorar o trinta aniversario do I Encontro Galego de Titiriteiros Galegos, que se celebrou en Mondoñedo", lembra Xulio Balado, documentalista do museo e responsable do proxecto. "A exposición é fundamentalmente documental, ten algúns bonecos dos comezos de Tanxarina e Viravolta e logo tamén fotografía e algo de vídeo de actuacións daquel momento".

Os comezos
Foi naquela década cando comezou a se fraguar o movemento de titiriteiros profesionais no noso país. Coa desaparición de Barriga Verde das feiras, a mediados dos anos 60, cesaran as representacións de bonecos na nosa lingua, e apenas as xiras de espectáculos estatais traían de cando en cando os monifates ás nosas vilas e cidades. O grupo Monicreques, hoxe Monicreques de Kukas foi a finais dos ano setenta pioneira en recuperar esta forma de arte coa intención de se facer unha compañía profesional. "Naquel momento había un baleiro de marionetas de todo tipo, e nós nacemos un pouco para encher iso", explica o propio Marcelino de Santiago Kukas. "Queriamos que a marionetas tivesen como principal idioma e punto de partida o galego. Naquel momento tivemos que improvisar todo, non sabiamos de onde sacar as cousas. Eu, por exemplo, non atopaba textos para representar e tiven que me facer autor". Coma eles, tamén Viravolta tivo que reinventar esta arte. "Nós comezamos no 82 como compañía de teatro", explica Xulio Balado, "e eramos titiriteiros sen o saber, empregabamos moito os cabezudos e metiamos artiluxios mecánicos na escenografía. Cando quedamos sen actores, vimos que o propio era nos dedicar aos títeres, e así ata hoxe, pero fomos completamente autodidactas". Canda a eles, chegou xente xa preparada desde Cataluña. Tatán R. Cuña, que botou a andar Títeres Tanxarina en 1983 ou Fernanda Cabrera Varela, fundadora de Trécola en 1981, aprenderon a arte dos títeres no Instituto del Teatro de Barcelona con Harry Tozer. Canda a eles, Jorge Rey, chegado da Arxentina, achegou novas perspectivas encol dos espectáculos de bonecos con Títeres Cachirulo. "Hai unha confluencia de xente, tamén chega Baltasar Patiño e a xente de Matarile que se achegan a este mundo, César Lombera, que viña de colaborar con Els Comediants ou artistas como Seara ou Willy, que tamén era paiaso participaron naquel primeiro momento", lembra Rey. A estes sumábanse outros grupos históricos como Espaguetti, Sapoconcho, Picapolania ou Artello, que continúa en activo.

Asociacionismo
O interese polo asociacionismo está moi presente xa dede os comezos do sector. Segundo lembra Jorge Rey, responsable do festival Galicreques entre outras iniciativas, "aa en 1981, desde o Sindicato Galego do Espectáculo, organizamos entre as compañías de Kukas, Titirití, Trécola e Cachirulo un proxecto para crear un circuíto. Logo tamén houbo varios encontros para crear a mostra de teatro infantil e xuvenil Xeración Nós na Mancomunidade da Ría de Ferrol, e pouco despois foi cando nos reunimos para crear a Asociación de Titiriteiros Galegos". O encontro de Mondoñedo, denominado I Festival Galego dos Titiriteiros, considérase o fito de nacemento desta colectivo. Monicreques de Kukas, Tanxarina, Viravolta, Trécola e Spaghetti participaron neste primeiro evento, que ademais de servir como punto de encontro puxo tamén en escena o traballo daqueles pioneiros dos bonecos do país. Encol daquela xuntanza, Tatán Cuña lembra que "foi unha iniciativa bastante improvisada, todos estabamos e comezar e para nós era unha reivindicación da nosa profesión".

Cuestións de encontro
Tanto neste, como nos sucesivos encontros "falabamos un pouco de todo, desde que caché se podía poñer, que non o tiñamos nada claro, ata as cousas que queriamos facer. O ambiente era moi bo, de moito compañerismo", lembra Tatán Cuña. Unha cuestión habitual tanto nesa como nas citas posteriores foi a necesidade de xerar unha demanda. "Antes deses anos as festas eran só bandas e orquestras, non había programa cultural. Houbo que presionar e facer notar que estábamos alí. No encontro abordouse a creación da Asociación, coa intención de falar coa administración para conseguir circuítos e profesionalizarse". Tatán Cunha, pola súa banda, sinala que "é como o traballo que está a facer hoxe Escena Galega". Canda a isto, abordáronse desde a Asociación de Titiriteiros propostas que formación que, lembra Kukas, "trouxeron profesores importantísimos en moitos casos dos Países do Leste que por entón contaban cunha enorme tradición". Para alén estas citas, todos os veteranos consultados coinciden en sinalar como un fito para o sector o desenvolvemento dos Domingos de Furabolos, un circuíto da asociación que, co apoio da Consellaría de Cultura, levou por concellos de todo o país as montaxes das compañías por entón en activo. "Foron os primeiros circuítos que nos permitiron achegarnos aos concellos e amosaban os espectáculos que se estaban a facer naquel momento", explica Tatán.



Efervescencia e tendencias
A lembrar o momento, os bonequeiros apuntan un movemento efervescente naquela primeira metade dos anos oitenta, que Balado, desde Viravolta, sitúa no contexto da época "A partir da transición e en apenas catro anos saíron un lote de cousas en todos os ámbitos. Había moito movemento e o mesmo que en sectores como a música ou no cinema, o mundo tamén mudou no teatro de títeres". Mesmo compañías máis convencionais como Matarile, ou nomes recoñecidos como Roberto Vidal Bolaño apostaban puntualmente por este formato. "Roberto traballou os títeres no Touporroutou da Lúa e do Sol", lembra Jorge Rey, e repetiu tamén aos introducir en Rosalía, primeira produción co Centro Dramático Galego. "Matarile tiña un espectáculo sobre un texto de Óscar Wilde, daquela en Cachirulo acababamos de montar un Ubú de Jarrys", explica. Tatán pola súa banda sinala que "xa desde o primeiro momento cada compañía tiña máis ou menos un estilo. Kukas traballaba con bonecos máis grandes, nós en Tanxarina apostamos máis por marionetas de fíos". Segundo lembra Kukas, "nós reivindicabamos as marionetas na liña do que facían as Misións Pedagóxicas, comandadas por Dieste e Lugrís. Queriamos que tivesen un punto de mensaxe social", explica. "Daquela a xente tiña un pouco máis de referencia nos bonecos de barraca, pero tamén se había moito interese por este novo mundo", lembra Rey.

Os froitos daquela semente
Malia a que os encontros deixaron de se celebrar logo de cinco edicións, unha grande parte das actuais manifestacións de títeres que se manteñen no noso país teñen a súa orixe naquela iniciativa. "Logo dos encontros, a Asociación de Titiriteiros integrouse na Unión Internacional de Marionetistas", lembra Balado. "Tamén xurdiu de alí o Festival de Títeres de Vigo, que organizaba Tanxarina e que despois se trasladou a Redondela", onde a asociación Xente Titiriteira mantén esta veterana cita con dezaseis edicións ás costas. Canda a isto, o Galicreques mantense desde Compostela como unha cita fundamental no sector. "Todo aquilo redundou en compañías que foron marcando unha liña estética propia. Hoxe Galicia é unha comunidade que ten un grande acervo cultural sobre o teatro de bonecos, con producións de nivel que se poden ver polo mundo adiante", lembra Jorge Rey. "Están asociacións como Barriga Verde, que organiza o Galicreques, ou Morreu o Demo", que fai por recuperar o títere tradicional. "Tamén está o premio para textos teatrais para bonecos que convoca AGADIC, que é algo único, e vanse conseguindo cousas". A maiores, novos nomes se incorporan a escena. "Hai xente nova que está a facer cousas moi interesantes. Está Borja Insua con Títeres Alakrán, por exemplo, que traballa moi ben e integra a faceta de construtor de bonecos coa de manipulador. Outros como Inacio Vilariño con Fantoches Baj, Gazafellos o Títere Ficcións amosan tamén que hai unha actividade moi viva". A maiores apunta que "hoxe en día quen queira se iniciar no teatro de bonecos ten varios referentes aos que acudir. Está Viravolta en Lalín co Museo da Marioneta, o Titirideza e outras actividades. Existe Xente Titiriteira en Redondela, o Galicreques ou a escola de verán que monta UNIMA Galicia. Tamén hai cursos e os titiriteiros polo xeral temos os nosos talleres abertos para quen queira ver como traballamos".






III Festival Internacional de Títeres de Vigo



Cartel do Festival de Títeres de Redondela



Cartel de Galicreques




Cartel de Titerentroido




Titirideza 2015

Todas as imaxes están tiradas dos fondos de Biblioteca Marioneta


Profesionalización
Pódese considerar que a vella arela daqueles primeiro titiriteiros, que era conseguir a profesionalización do seu labor, cumpriuse finalmente. "Daquela nin eramos compañías a nivel legal, e funcionabamos con contratos para cada bolo que nos facía o Sindicato Galego do Espectáculo". Fronte a aquela situación, polo xeral os grupos dedicados aos bonecos en Galicia están na actualidade rexistrados como empresas e permiten aos seus membros vivir do seu traballo. Aínda que o proceso é relativamente recente. "Nós somos legalmente compañía desde o ano 2000" lembra Cuña. No entanto, sorprende a lonxevidade que acadaron boa parte das compañías históricas que se dedicaron aos bonecos. "Poida que manteñan máis a tipoloxía porque a miúdo están compostas por familiares e por pouca xente, o que permite manter un certo equilibrio económico e moverse mellor". Un caso destacado neste sentido é o da compañía Trécola que, segundo lembra Balado, "hoxe continúa o fillo dos fundadores orixinais". Rey, pola súa banda apunta que o sector existe e se mantén "porque hai titiriteiros que se empeñaron en sacar isto adiante, todo vén de abaixo e isto é bo, existe unha base moi sólida".

A nivel artístico, Tatán apunta a evolución que esta arte foi sufrindo desde aqueles comezos. "En Tanxarina xa desde mediados dos oitenta comezamos a saír de Galicia e ver cousas novas, novos xeitos de traballar. Agora, por exemplo chega o deseño das figuras por ordenador. Nós no espectáculo A casa do avó xa os fixemos así, encargámos os bonecos a partir dos nosos deseños e chegáronnos a figuras, que logo tivemos que montar e dotar de controis. Existe un abano de posibilidades moi grandes. Outros, como Cachirulo, apostan máis por fórmulas tradicionais. Tamén se están a introducir métodos como as sombras chinesas e cousas que se coñecen a través dos festivais".

No entanto, a falar sobre a actualidade do sector, os veteranos recoñecen que, malia a todo o conseguido, non son os mellores momentos para os bonecos. Unha cuestión que abordaremos na nosa seguinte reportaxe.
Catálogo dunha edición de Domingo de Furabolos.