Elisabet Ríos gaña con Café intenso a primeira edición do Rosalía de Castro

Óscar García Ramos imponse no certame de Poesía María Mariño

O recén creado certame poético Rosalía de Castro, promovido polo Concello de Padrón en homenaxe a autora de Follas Novas, acaba de conceder o premio a Elisabet Ríos Liste por Café intenso, un libro sobre a violencia machista. Tamén a poesía en galego volve ser a protagonista do Premio María Mariño, que nesta quinta edición concedeu o primeiro premio a Oscar García Ramos, mestre no Instituto de Betanzos.

O xurado desta primeira edición do Premio Rosalía de Castro de poesía estaba composto polo presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira e as profesoras Dolores Vilavedra, Ana Acuña, Olivia Rodríguez e María Jesús Senín ademais da técnica de cultura, Cruz Taboada que actuou como secretaria.

Café intenso, de entre os nove traballos que se presentaron a concurso, foi o elexido polo xurado valorando "a estrutura unitaria do poemario e a proposta innovadora na tradición europea experimental que, a partir do cotiá, constrúe un universo poético narrativo en conexión coas artes visuais".

V Edición Poesía María Mariño
Oscar García Ramos, mestre no Instituto de Betanzos, foi o gañador do primerio premio, mentras que María Teresa Iglesias Yugat, mestra no Instituo da Estrada levouse o segundo recoñecemento deste certame de poesía, organizado pola Asociación Teenses Pola Igualdade.

Máis de 50 traballos presentáronse ao certame deste ano no que o xurado estivo presidido por Alfredo Conde, escritor e Premio Nacional de Literatura, Juana Corsina, escritora e poeta, Marisol López, doctora en lingua galega, Paula Carballeira, escritora e poeta, e polo escritor Javier Crespán.

Os galardoados recibirán o Premio no transcurso dunha gala literaria que terá lugar no Hotel Congreso de Teo o vindeiro sábado, 16 de maio as 21:30 horas do serán.