Eli Ríos, coa súa obra nós escoitando o badalo de marienplatz, resultou gañadora do Concurso de Poesía Concello de Carral do presente ano. O xurado, formado polos poetas Luis González Tosar, Lucía Novás e Paulino Peña Álvarez, baixo a presidencia da Concelleira de Cultura, Mª José García Fariña, e asistidos en calidade de secretario polo técnico municipal de Cultura e coordinador do premio, Carlos Lorenzo Pérez, escolleu o libro de Elisabet Ríos entre as 42 obras presentadas ao certame, salientando a súa calidade, frescura e innovación. O premio de Carral está dotado con 2000 euros e a publicación da obra na colección de poesía de Edicións Espiral Maior. O acto de entrega do premio terá lugar o 29 de maio, na Biblioteca de Carral. Eli Ríos é filla de emigrantes, nace en Islington e regresa para pasar a súa primeira infancia en Lesta (Concello de Ordes). Este seu primeiro libro, nós escoitando o badalo en marienplatz, supón unha homenaxe á iconografía pop e á literatura galega dos anos oitenta.