Cans completa o seu programa con José Luís Cuerda

O festival conta con 19 curtas e 20 clips a concurso na súa XII edición

Os responsables do XII Festival de Cans, que se celebrará entre os vindeiros 20 e 23 de maio, presentaban esta mañá o programa desta edición. Ao xa anunciado premio Pedrigree a Javier Gutiérrez, o evento audiovisual do Porriño incorpora ao seu cartel o cineasta José Luís Cuerda, que protagonizará un coloquio e verá o seu nome incorporado ao Torreiro das Estrelas. Ademais, o festival crea un novo espazo de homenaxe, o Muro dos Chimpíns, no que se recollerán os Premios Pepe Puime, que este ano foi para o veciño Juan Rivas.


En total poderán verse 19 curtas e 20 clips, todos eles de directores e directoras galegas. Segundo aunciou o director do festival, Alfonso Pato, "competirán polo Can de Pedra vellos amigos de Cans como Ángel Manzano e tamén haberá tempo de descubrir novos e prometedores realizadores como Carlos Martínez-Peñalver Mas ou Alejandra Sotelo". En total serán 11 galardóns que distribuirán máis de 5.000 euros en premios.

Pola banda musical, no evento desenvolveranse máis de vinte actuacións, con nomes como Sidonie, Dos Tenores, Def con Dos, Hendrik Röver, Sés, Luar na Lubre, Blues do País, Adrián Costa, Quempallou ou Poetarras entre outros. Dani de la Torre, Simón Casal, Pablo Romero-Fresco ou Cristóbal Arteaga serán os protagonistas da sección Fill@s de Cans, mentres o apartado "A que andas?" contará con cineastas como Manane Rodríguez, Xabier Bermúdez, Miguel Barro, Alfonso Zarauza Xacio Baño ou Juan Galiñanes.

En canto a longametraxes poderán verse A cambio de nada, de Daniel Guzmán, Meigallos, de Virginia Curiá, Torre de Breoghán, de Jorge Coira e mais unha proxección de A Esmorga comentada por Ignacio Vilar, Antonio Durán Morris e Miguel de Lira. Entre outras actividades, o programa inclúe Minicans, un apartado de actividades dedicado aos máis novos.