Premio Pedigree de Honor de Cans para Alfonso Zarauza

O festival recoñece tamén a Nerea Barros, Uxía Senlle e ao veciño Adriano Campos

O festival recoñece tamén a Nerea Barros, Uxía Senlle e ao veciño Adriano Campos
Alfonso Zarauza
O Festival de Cans ven de repartir os que serán os seus premios honoríficos para a vindeira XXIIª edición, que terá lugar entre o 20 e o 24 de maio. O cineasta e produtor Alfonso Zarauza (Santiago de Compostela, 1973) recibirá o Premio Pedigree de Honor de Cans. Deste xeito o festival recoñece a súa traxectoria e ve nel "un cineasta clave na historia recente do cinema en Galicia. Representa unha correa de transmisión entre as orixes do cinema galego contemporáneo e a corrente do Novo Cinema Galego". A concesión do galardón foi decidida pola asemblea de Asociación Cultural Arela, organizadora do festival. Ademais da concesión do premio, o cineasta colocará a súa estrela no Torreiro das Estrelas de Cans o venres 23 de maio, á beira doutros homenaxeados como Jorge Coira, Luis Zahera, Luis Tosar ou Margarita Ledo.

Ademais a organización de Cans repartirá tamén os Chimpíns de Prata, que premian o impulso e a defensa de profesionais e veciños do festival e da aldea. O Chimpín de Prata "Pepe Puime", será nesta edición para a actriz e directora Nerea Barros (Santiago de Compostela, 1981). Nerea Barros recibiu en 2014 o Premio Goya a Mellor Actriz Revelación por 'La Isla Mínima' de Alberto Rodríquez e, como directora, en 2022 foi finalista dos Goya á mellor Curta documental por 'Memoria'. O Chimpín "Divina Campos" será para a artista musical Uxía Senlle (Mos, 1965). En 1985 Uxía comezou no mundo da música gañando o Festival da canción de Carballo. Este ano cúmprense 40 anos da súa carreira como artista e o Festival de Cans quere recoñecer públicamente o seu traballo.

O veciño Adriano Campos, ten 91 anos de vitalidade ademais de ser unha das persoas máis lonxevas da aldea e será quen reciba este ano o Chimpín de Prata pola súa labor desinteresada. Cans quere recoñecer ao señor Adriano como memoria viva da aldea nas súas aportación aos documentais colectivos que impulsa o festival, no labor como xurado dos veciños e na súa enerxia incombustible como actor dos máis veteranos de Galicia na Compañía de Teatro Fontevella