Premio Pedigree de Cans para María Vázquez

O Festival concede ademais os Chimpíns de Prata a 'Tatán', Luis Dávila e á veciña Fermina do Pouso

O Festival  concede ademais os Chimpíns de Prata a 'Tatán', Luis Dávila  e á veciña Fermina do Pouso
María Vázquez nun fotograma de 'Matria'
O Festival de Cans, que celebrará a súa XXI edición nesta aldea de O Porriño, entre o 21 e o 25 de maio, acordou conceder o seu Premio Pedigree de Honor á actriz María Vázquez (Vigo, 1979). Vázquez estivo nomeada ao Goya á Mellor Actriz este ano polo seu traballo en 'Matria', filme polo que recibiu en 2023 a Biznaga de Oro á Mellor actriz no Festival de Málaga e actualmente ten en salas a película 'Los pequeños amores' que obtivo o Premio do Xurado no Festival de Málaga. A concesión do galardón foi decidida pola asemblea de Asociación Cultural Arela, organizadora do festival.

O festival ve na intérprete unha das actrices galegas mais destacadas da súa xeración e sinala que a pesar da súa xuventude xa conta cunha longa traxectoria de 25 anos no cinema español, con participación en preto de vinte filmes ás ordes de directores como Montxo Armendáriz, Icíar Bollaín, Isaki Lacuesta ou Paco Plaza, ademais dos seus traballos en numerosas series de televisión e obras de teatro. "Intérprete de gran versatilidade,- explican desde o festival- María Vázquez destaca polo seu traballo exhaustivo na construción de personaxes, aos que sempre parece transmitir a súa propia enerxía". O Festival de Cans recoñece tamén en María Vázquez o seu papel como persoa socialmente comprometida e a súa aportación para transformar a sociedade dende unha ollada feminista, así como a súa reivindicación da orixe rural. Además da concesión do premio, María Vázquez colocará a súa estrela no Torreiro das Estrelas de Cans o venres 24 de maio.

Chimpíns para 'Tatán' e Luis Davila
Outros dos galardóns honoríficos do Festival de Cans son os Chimpíns de Prata, que premian o impulso e a relación de profesionais e veciños co certame. O Chimpín de Prata "Pepe Puime", será nesta edición para a actor, Eduardo Rodríguez 'Tatán', historicó actor galego con máis de 40 anos de carreira. Ademais da súa dilatada traxectoria como actor, este chimpín de Prata é un recoñecemento a una persoa moi querida na profesión e sempre disposto a colaborar co Festival de Cans ao longo da súa historia. O Chimpín 'Divina Campos' será para o ilustrador e debuxante Luis Davila (Bueu, 1972), un dos artistas máis populares de Galicia neste apartado. Davila converteu ó seu personaxe 'O Bichero', nun símbolo da iconografía popular galega. A súa viñeta diaria en Faro de Vigo, e o seu agudo sentido do humor é seguido por milleiros de persoas. Luis Davila non só recibirá este ano o Chimpín de Prata, senón que haberá unha exposición arredor do seu traballo con Cans como inspiración.

A señora Fermina do Pouso, Chimpín dos Veciños
Ademais, como cada ano, o Festival de Cans concede un Chimpín de Prata o labor desinteresado dunha veciña ou veciño na súa achega ao festival. Nesta ocasión o galardón recaerá na muller máis vella da aldea: Fermina Fernández, a Señora Fermina do Pouso, que está próxima a cumprir os 100 anos de idade. A Señora Fermina, residente no barrio da Graña onde naceu, é a memoria viva da aldea. Desde hai varios anos colabora prestando a súa testemuña ao Proxecto Cans 303, onde se realizan documentais colectivos que recuperan a memoria da aldea en ámbitos que van dende o contrabando aos bares pechados, ás feirantas ou ás tradicións. A señora Fermina traballou durante a súa vida como costureira polas casas e como vendedora ambulante, sempre combinando coa dura vida do traballo no campo, e coa súa memoria prodixiosa que se presta a rexistrar ano tras ano.