O festival de Cans concede a María Bouzas o premio Pedigree 2014

O actor Juan Ibáñez e a veciña Divina Campos recibirán os Chimpíns de Prata, agora Pepe Puime

María Bouzas
María Bouzas
A “rigorosidade profesional e a súa sólida carreira” son algúns dos méritos polos que o Festival de Cans concede o seu premio de honra, o Pedrigree, a María Bouzas (Mugardos, 1962). A Asociación Cultural Arela acaba de comunicar que lle entregará este premio o vernes 23 de maio a unha muller que leva décadas no sector audiovisual, no que se implicou activamente e chegou a ser presidenta da Academia Galega do Audiovisual. Ademais, o festival tamén da a coñecer os gañadores dos Chimpíns de Prata, que desde esta edición pasan a chamarse Premio Pepe Puime, en homenaxe a un veciño de Cans. Recibirán eses recoñecementos a a veciña Divina Campos e o actor e guionista de El Hormiguero Juan Ibáñez “Trancas” . Esta edición do certame terá lugar en Cans, Porriño, do 21 ao 24 de maio.

Aínda non se coñece o programa desta edición, pero a organización avanzou que Cans recibiu este ano un 8.5% máis de traballos que en 2013. Un incremento que coincide coa instalación dunha plataforma dixital para a recepción de traballos. Das 178 producións recibidas 83 curtametraxes son de ficción, 14 de animación e 15 pezas doutros xéneros. Os videoclips son o xénero que máis medrou contabilizándose 66.