Máis vale bo coñecido

Son os novos grupos musicais e os repertorios arriscados as vítimas da crise de consumo?

Son os novos grupos musicais e os repertorios arriscados as vítimas da crise de consumo?
Sés.
Onte falabamos das preocupantes cifras da música ao vivo en Galicia, tanto da música popular como da música clásica, a partir do informe realizado polo Observatorio da Cultura do Consello da Cultura Galega. Para poñernos en situación: aínda que nos últimos anos a oferta de concertos está a medrar, o número de espectadores anda bastante máis abaixo que ao inicio da crise económica, ata cifras de inicio da década do 2000. Para coñecer un pouco máis os motivos, falamos con dous expertos nos seus respectivos xéneros: Maximino Zumalave, director da Real Philarmonía de Galicia, e Óscar Losada, crítico musical de La Opinión A Coruña.

Óscar Losada, un dos máis reputados críticos da música de raíz e xornalista musical en La Opinión A Coruña, observa certa diferencia entre os grandes festivais do verán, "nos que non debeu baixar demasiado a asistencia" en relación a outro tipo de concertos de formato máis reducido. "Aí, efectivamente, a cousa cambia", asegura o crítico, "pero o comportamento do público é desigual. Nos artistas menos coñecidos si que se está notando este decenso".

Losada alude a un comportamento peculiar do público á hora de investir os cartos en cultura. "Teño a percepción de que a xente está apostando polo seguro, escollendo a artistas xa recoñecidos e concedendo menos oportunidades a artistas máis novos". Quen son os artistas seguros?

"Berroguetto non adoitaba fallar, e de feito na xira de despedida arrasou. Milladoiro tamén, e creo que Sés, que comeza xira agora, vai contar cun bo público", avanza Óscar Losada, "e o factor local é importante. Eu podo supoñer que Luar na Lubre vai arrasar na Coruña e Carlos Núñez en Vigo, porque son as súas cidades, pero se cadra Luar en Vigo e Carlos na Coruña hoxendía poderían ter problemas para encher un teatro". E é que a crise non pareceu aínda acabar no eido da cultura galega.

Canas na música culta
"Cada vez nos concertos de música clásica vexo máis canas", ironiza Maximino Zumalave, director da Real Philarmonía de Galicia, quen se laia de que estamos a asistir a un envellecemento do público. "Na miña época universitaria non era así, había un concepto que eran os xoves musicais que estaban cheos de universitarios", sinala. Zumalava quere ler os datos en positivo e en termos construtivos.

"Creo que temos que chegar a todas partes. Ás veces para chegar a públicos e idades novos tes que cambiar de recintos e movernos polo país", sinala o recoñecido músico, quen defende ademáis unha maior flexibilidade de horarios. "As horas dos espectáculos tamén condicionan os públicos que asisten a eles", afirma por experiencia Zumalave, quen non cre que na música clásica se perciba ese comportamento "conservador" do público da música popular, que prioriza os espectáculos de músicos coñecidos á hora de gastar o diñeiro.

"O reto dos programadores e dos que facemos música é chegar a colaborar na educación artística da sociedade de tal modo que a xente se empece a preocupar pola música máis que polo músico", conclúe, convencido de que é posible recuperar a atención para a música clásica.

O problema da música de raíz de balde
No ámbito específico da música folk, Losada considera que un dos problemas está en que durante moitos anos ofreceuse a cultura de balde " e iso fixo moito dano", sinala o crítico. "Para que vas gastar no inverno para ver un artista se total vas poder velo de balde nun festival do verán?", pregúntase. De feito, segundo os datos manexados polo Observatorio, case o 85% da recadación procede do ámbito do pop-rock, onde si é posible que haxa unha cultura de pagamento. "Hai que ter claro que temos que mercar entradas para consumir a música: o contrario provoca estes problemas", conclúe Losada.