A terceira edición de Cultura no Camiño arranca con 316 espectáculos

Do 15 de abril ao 30 de setembro 93 concellos acollen diversas actuación escénicas e musicais

Do 15 de abril ao 30 de setembro nun total de 93 concellos, situados nas diferentes rutas xacobeas de Galicia, celebrase a terceira edición do ciclo Cultura no Camiño. O programa, xurdido ao abeiro da conmemoración do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Compostela, despregará unha carteleira de 316 actuacións escénicas e musicais, protagonizadas por 138 formacións artísticas galegas. Nesta terceira edición baixaron en 7 as actuacións programadas en relación co ano anterior pero en canto á distribución territorial, Cultura no Camiño amplía en 12 o número de concellos participantes. Todos os municipios están situados nalgunha das rutas de peregrinación polas que discorre o Camiño de Santiago en Galicia. Por provincias, 34 concellos coruñeses acollerán 111 actuacións; en Lugo, 21 concellos ofrecerán 70 espectáculos; 15 concellos de Ourense porán ao dispor do público 60 funcións; e en Pontevedra, 23 concellos programarán un total de 75 representacións.


A nova programación do ciclo Cultura no Camiño articúlase como un circuíto de espectáculos que ademais de contribuír á descentralización da oferta cultural, amplía as posibilidades de distribución do teatro, a música, a danza, a maxia e o novo circo producidos de maneira profesional na nosa Comunidade.

Na organización deste programa participan a Xunta de Galicia, a través de Turismo de Galicia e da Axencia Galega das Industrias Culturais, Agadic, e os 93 concellos inscritos, xunto co patrocinio de Gadis.