O navegante Pedro Sarmiento de Gamboa, o veterinario Juan Rof Codina, o médico Roberto Nóvoa Santos e o naturalista Ramón de la Sagra son os catro científicos que inauguran as unidades didácticas do Álbum da Ciencia e educaBarrié. É un dos resultados do convenio asinado entre o Consello da Cultura Galega e a Fundación Barrié que procura achegarlle a ciencia á comunidade escolar e que foi presentado hoxe en rolda de prensa. Francisco Díaz-Fierros, vicepresidente do Consello da Cultura Galega; Javier López Martínez, director xeral da Fundación Barrié; e Xosé Antón Fraga, responsable do Álbum da Ciencia incidiron, no carácter colaborativo desta proposta que amosa referentes do pasado e pon estímulos no camiño dos máis novos.