A Fundación Manuel María lembra os dez anos da morte do poeta

O Teatro Colón acolle na Coruña a sexta edición de Lúas de Outono na noite de mañá

| Santiago. Redacción | Seccións: Espectáculo
Compartir:
A Fundación Manuel María lembra os dez anos da morte do poeta

Nova Galega de Danza protagoniza a sexta edición do programa Lúas de Outono que organiza a Fundación Manuel María en homenaxe ao poeta. Cando se cumpre unha década da desaparición do chairego, a iniciativa mesturará música, poesía e danza. A compañía de baile desenvolverá diferentes pezas do seu repertorio integrando ademais novos números baseados nos textos do poeta. Segundo destacou o secretario da Fundación, Alberto Ansede, a elección do grupo débese a que "Nova Galega de Danza integra nos seus espectáculos a tradición máis pura combinada con elementos de experimentación e vangarda que converten as súas creacións en algo verdadeiramente orixinal e único; do mesmo xeito Manuel María foi capaz de crear unha obra literaria que abriu camiños novos e orixinais partindo da tradición popular”. As entradas para o espectáculo que se celebra mañá, día 16, no coruñés Teatro Colón a partir das 20:30 pódense recoller de balde no propio establecemento.

En paralelo, a Fundación anuncia a celebración de diferentes eventos para conmemorar o décimo cabodano do poeta. Así, o vindeiro 6 de outubro está previsto un convivio na casa natal do autor, no transcurso do cal outorgaráselle a distinción Navalla de Manuel María a Felipe Senén e, de xeito póstumo, a Suso Vaamonde. Ademais, a entidade anuncia a publicación dun volume de cartas entre María e Otero Pedrayo e mais dunha nova edición do esgotado poemario Sonetos á Casa de Hortas.

Que che parece esta nova?
41 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Manuel María, Danza, Fundación Manuel María, Teatro...