As letras polifacéticas do vello profesor

A figura de Xosé Filgueira Valverde promete un Día das Letras con múltiples focos para 2015

Xosé Filgueira Valverde, coñecido como O vello profesor protagonizará o Día das Letras Galegas de 2015. O plenario da Real Academia Galega escollía este sábado unha figura que garante unha celebración multidisciplinar e non exenta de polémica. Historiador, político, literato, etnógrafo, ensinante ou xestor, non cabe dúbida de que a conmemoración do vindeiro 17 de maio ha servir para que se recoñeza o seu traballo e se afonde nas luces e nas sombras dun nome imprescindible para entendermos a nosa cultura do século XX.

Licenciado en Dereito, Filosofía e Letras (sección historia), diplomado en Psicoloxía. Director e un dos impulsores do Museo de Pontevedra, numerario da Real Academia Galega, membro fundador do Seminario de Estudos Galegos, director do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, conselleiro de Cultura co goberno de Fernández Albor ou segundo presidente do Consello da Cultura Galega ata o seu falecemento en 1996. Canda a isto, Xosé Filgueira Valverde foi un destacado erudito que deixou un grande traballo, sobre todo ensaístico e de divulgación tras de si. Investigacións sobre a lírica e a Historia medieval, a lingua ou aspectos etnográficos como os canteiros ou os artesáns revelan unha obra ampla e profunda, na que os nove volumes de artigos que conforman Adral son unha mostra destacada. Con estes méritos, non fica dúdiba de que Xosé Filgueira Valverde é un nome imprescindible para entedermos a cultura galega do século XX, de cara a quen, segundo recoñeceu o presidente da RAG, Xesús Alonso Montero, a institución “tiña unha débeda”. Tanto polos seus intereses como pola súa evolución ideolóxica e a súa peripecia vital, Filgueira é un personaxe que pon sobre a mesa as encrucilladas nas que se viu envolto o galeguismo ao longo dos últimos 100 anos.

O propio Alonso Montero recoñeceu o perfil eminementemente académico do personaxe a indicar que “sabemos que non o van ler os taxistas ou os farmacéuticos”.No entanto, é de agardar que a crecente participación social que se está a dar nos Días das Letras dos últimos anos e a orixinalidade das achegas aos homenaxeados dea aproveitado o potencial dun personaxe tan polifacético que mesmo ten no seu haber mesmo obras narrativas como Os nenos ou a farsa para rapaces Agromar. Para alén, a existencia dunha fundación que promove o seu legado ha facilitar o desenvolvemento de investigacións sobre a súa figura, a reedición de traballos poucos coñecidos ou mesmoa descuberta e inéditos.

Non entanto, non han ser unicamente os méritos do vello profesor os que fagan correr ríos de tinta e provocen mobilizacións na cultura do país. A súa relación co Franquismo, réxime baixo o que desempeñou cargos como o de alcalde de Pontevedra ou de Procurador en Cortes é criticada desde boa parte da cultura do país. Fronte a esta visión, non faltan voces que o reclaman como unha das persoas que mantivo a chama do galeguismo durante este período e evitou unha desfeita aínda maior do patrimonio constituído nesa época grazas ao seu traballo desde o Museo de Pontevedra ou o Instituto Padre Sarmiento.

Xa nestes primeiros días desde a decisión da Real Academia, diferentes voces da
cultura como Manuel Bragado, director de Edicións Xerais, o crítico Ramón Nicolás ou a escritora Marta Dacosta xa denunciaron o pouco axeitado da escolla, ao tempo que A Mesa pola Normalización anunciaba públicamente que “non apoia” un nomeamento que considera “é un insulto a todas as persoas que padeceron con exilio, prisión e morte a defensa da lingua e cultura galegas”. A entidade chama aos colectivos sociais e culturais a manter o dezasete de maio como “unha xornada de reinvindicación do noso idioma” ao tempo que chama “á Real Academia Galega a rectificar” a súa decisión. O debate está aberto, e é de agardar que permita revisarmos a historia da nosa cultura e redefinir de cara ao futura a figura do homenaxeado.