Unha xornada organizada polo Consello da Cultura homenaxea a Xela Arias e Luisa Villalta

Presentarase un audiovisual sobre o papel destas creadoras

“A homenaxe vén determinada pola cuestión das cronoloxías, xa que se cumpren dez anos dos seus pasamentos inesperados” recoñece Arturo Casas, coordinador dunha xornada que ten lugar hoxe no Consello da Cultura Galega. A cita, promovida pola Comisión Técnica de Igualdade, pretende recuperar as figuras de Xela Arias e de Luisa Villalta. Dúas mulleres que foron un signo da emerxencia da presenza das mulleres-creadoras entre os anos oitenta e noventa, cuxo legado supera o puramente literario. A xornada conta cunha parte académica e outra de “laboratorio”, en palabras de Casas, que pretenden recuperar a dimensión destas creadoras desde ámbitos que van desde a música, ata a literatura pasando polo audiovisual.