As caras dunha icona

A imaxe de Rosalía de Castro deveu nunha auténtica icona que representa o conxunto da nosa cultura

Moito se ten escrito sobre Rosalía, a súa escrita e a súa vida. No entanto, ata o momento, non existía unha obra que se centrase na representación gráfica da poeta padronesa. Agora, Xerais tira do prelo Rosalía de Castro: imaxe e realidade, un traballo de Fernando Pereira no que se analiza a imaxe da escritora e o xeito no que deveu, segundo o autor, "na máis recoñecible icona de Galicia".

Rosalía é A imaxe da nosa cultura. Unha representación practicamente estandarizada da autora repetiuse e repítese ata a saciedade en múltiples formas e variacións. Estatuas, fotomontaxes, ilustracións ou pinturas de todos os estilos fixeron da representación da persoa unha icona que representa por si mesma valores como a lingua, a defensa da nosa tradición ou os valores feministas.

As fontes
A escaseza de imaxes da autora en vida é, en boa medida, unha explicación a por qué ollamos sempre variacións sobre o mesmo rostro de rosalía. Segundo explica Pereira, "a iconografía que existe sobre ela é moi escasa. Temos oito fotos e o retrato que lle fixo Brocos, e iso é o único que nos amosa como era en vida. O resto son todo retratos postmortem, de xente que tentou reinterpretar a súa imaxe partindo dese material". Desde pouco tempo despois de morta comezou un proceso de idealización e de codificación da imaxe da escritora que chega ata os nosos días. Xa en 1902 Antolín Portela realizou unha montaxe a partir da fotografía de Seller, creando o máis coñecido retrato da autora. "Estas son as imaxes que se tomaron como fonte e que se foron repetindo. Aí naceu a imaxe romántica co abrigo, o ollar melancólico e os pómulos moi marcados que aínda hoxe coñecemos".

A clásica
A evolución das características dos retratos de Rosalía e dos valores vencellados a eles mudou pouco ao longo do tempo. "A imaxe de Rosalía como nai agarimosa e muller acolledora perdurou moito tempo. Isto non só acontece en Galicia, senón que tivo un eco moi grande no mundo da emigración, onde hai tamén retratos en prensa e esculturas que amosan esa imaxe idealizada". A saudade, a muller sufridora, a poeta romántica, o cariño pola terra e polos máis desfavorecidos, a emigración o Rexurdimento ou a nai foron valores e ideas que se vehicularon durante décadas a través do retrato da autora.

O pop
Non foi ata o final dos anos oitenta, e especialmente logo dos noventa, que se produciu unha importante evolución no xeito de representar a poeta por excelencia das nosas letras. "Logo do congreso polo centenario da súa morte, en 1985, comezou a mudar iso. E aí xogaron un papel importante non os grandes artistas, senón a ilustración gráfica, os caricaturistas e a influencia da banda deseñada, que foron os que a modernizaron". En relación a estas mudanzas, o autor considera que esta evolución está tamén vinculada á aparición de mercadotecnia sobre a poeta."Aparece Rosalía como unha marca de si mesma e serve para vender produtos. Están por exemplo as camisetas de Rei Zentolo, pero hai máis cousas, transfórmase un pouco nun fenómeno comercial". Camisetas, bolsos, chapas, carteiras o posters son algúns dos produtos que incorporan esta imaxe. "Pode levar a unha certa banalización, pero non podemos pensar nunha representación sacralizada. Está ben que evolucione, é algo que vai cos tempos". Esa transformación, asegura Pereira, tivo efectos positivos á hora de manter o carácter icónico da autora. "Xa se fala dela nunha iconografía pop ou warholiana, e é importante porque achegou a figura de Rosalía á mocidade, a quen non lle chega a imaxe da Rosalía Melancólica de hai anos". Como a consagrar esta evolución, a Asociación de Escritores en Lingua Galega chamaba este ano a conmemorar o Día do Rosalía con graffitis e a Fundación Rosalía vencellaba a autora aos autorretratos (selfies) tan en boga. No pasado ano atopabamos novas apostas pola recreación da autora con proxectos como Rosalía pequeniña, un libro disco que nos achega unha representación dos primeiros anos da autora.

Ler
No entanto, e malia á proliferación de Rosalías, Pereira salienta que "aínda que está moi ben levar as súas imaxes, a mellor homenaxe que se lle pode facer é lela. Hai que mudar que moita xente a coñeza pola imaxe pero nunca a lese". Dentro das múltiples interpretacións da imaxe da poeta, o autor prefire "o retrato de Brocos. Para min é o máis importante. É o único feito en vida e a min paréceme o que amosa unha Rosalía máis real, sen máscara e sen manipulación. É un retrato xa tardío, de 1880, cando ela xa estaba enferma, e iso percíbese".

Unha imaxe, múltiplas lecturas
Mesmo coas súas variacións e mudanzas, a figura de Rosalía como icona da cultura do país mantívose ao longo dos últimos cen anos."Penso que hoxe é a primeira marca galega de impacto nacional, unha figura emblemática e totémica, todos os galegos a coñecen, iso non acontece nin con Castelao", explica o autor, a lembrar unha enquisa hai anos que apuntaba xa a poeta como a personaxe máis coñecida no país. Malia a estar tan difundida e se compartir por tanta xente, Rosalía dá tamén a múltiples lecturas, desde quen a reivindica como símbolo da nosa lingua a quen aposta polo sentimento nacional ou quen potencia a súa vertente feminista. "É un símbolo nacional e cultural. Reivindícase desde o feminismo, é un produto de mercadotecnia que vende. Hai moitos intereses na figura de Rosalía, cada un ten unha certa ollada. Está claro que a figura continuará a evolucionar, pero non sei cara a onde".

Galería de Rosalías

Galería de Rosalías

Fotografía de Rosalía por L. SellierFonte: Fernando Pereira

Debuxo de Antonio Portela a partir da fotografía de Sellier

Debuxo de Antonio Portela a partir da fotografía de Sellier

Fonte: Fernando Pereira

Retrato de Rosalía de Modesto Brocos

Retrato de Rosalía de Modesto Brocos

Fonte: Fernando Pereira

Reinterpretación de Rosalía de Rei Zentolo

Reinterpretación de Rosalía de Rei Zentolo

Fonte: Fernando Pereira

Caricatura de Andrés Vázquez de Sola, 1989

Caricatura de Andrés Vázquez de Sola, 1989

Fonte: Fernando Pereira

Caligrama sobre a figura de Rosalía de S. Gómez, 2011

Caligrama sobre a figura de Rosalía de S. Gómez, 2011

Fonte: Fernando Pereira