A parte e o todo

Estudosos reúnense para promover unha edición global da obra rosaliana

Hai estudos críticos sobre Rosalía de Castro atendendo á súa obra poética. Outros sobre a narrativa. Algúns deles sobre o que autora escribiu en castelán e outros sobre a obra galega. Pero chegan os tempos de facer novas lecturas. “Son múltiples as conexións que fan haxa entender que sexa como un todo, porque malia que houbo intentos, non se fixo globalmente” explica Anxo Angueira. Este profesor universitario, estudoso da obra rosaliana, coordina a terceira das xornadas dun congreso pensado para ofrecer novas olladas sobre a figura de Rosalía de Castro.

O Consello da Cultura Galega atravesa o ecuador do congreso internacional "Rosalía de Castro no século XXI" organizado para ofrecer novas lecturas e novas descubertas sobre a obra da intelectual. Na terceira das xornadas que compoñen o programa e que se celebra hoxe, analízase a pertinencia de ter en conta todas as faces de Rosalía de cara a facer un estudo da súa obra. Anxo Angueira explica a pertinencia desta xornada no contexto actual. “Hai edicións que se preocupan polo texto desde o punto de vista paleográfico e logo hai outras que o fan desde a hermenéutica. Ao mellor é unha opinión miña, pero creo que a visión de Rosalía precisa, alén da preocupación polo texto en si, unha edición que haxa axudas á interpretación, notas explicativas sobre os textos para que o lector”. Para falar desde o punto de vista crítico da obra están Henrique Monteagudo, profesor de Filoloxía Galega da USC; Aurora López, profesora de Filoloxía Latina da Universidade de Granada; Ana Rodríguez Fisher, profesora de Literatura da Universitat de Barcelona e Juan Barja, director do Círculo de Belas Artes de Madrid.

Todo isto supón darlle unha maior dimensión ao xa coñecido sobre Rosalía, é dicir, relacionar o que escribiu en prosa co que fixo en verso. “E máis aínda, relacionalo co pensamento (político e social, e co contexto literario) do seu tempo” e Angueira pon un exemplo concreto “non se entende Cantares Gallegos sen unha teoría sobre os cantares daquel tempo”.

Por unha edición global
O estudo da obra rosaliana implica tamén centrarse no papel do editor, como responsable de difundir e dar a coñecer un texto. “O editor de Cantares Gallegos tivo un papel decisivo na figura de Rosalía e na historia do Rexurdimento” apunta Angueira, e que será tratado na sesión da tarde. Aí haberá unha mesa redonda na que se fale dese contexto editorial e no que, entre outros aspectos, Angueira destaca o poder do libro "é fundamental na sociedade nun momento social e político como foi o Rexurdimento no que o xornal, a revista e o libro literario xogaron un papel moi importante". Na súa opinión é un capital simbólico para o fututuro que nos permite tamén "falar do 150 aniversario da publicación dunha obra como Cantares Gallegos”.

Ao longo dos últimos anos foise descubrindo que Rosalía non era unha muller iletrada. Máis ben ao contrario, Angueira explica que “sabemos que era unha intelectual do seu tempo que estaba ao tanto do que se lía en Europa obras e que ela tamén lía”. Por iso, na sesión prevista para hoxe estarase pendente do diálogo literario que mantiña con fontes que a literatura que estaba producindo. Este coñecemento recollerase nunha apartado chamado “gótico e romantismo alemán en Rosalía” que permitirá descubrir resonancias do romanticismo alemán no contexto galego así como a pegada do gótico nas novelas da creadora.

Ecuador do congreso
Con esta xornada achegaranse novas perspectivas sobre a creadora. Con todo, Angueira recoñece que non serán grandes descubertas. “Imos pouco a pouco pero temos un balance positivo e, cómpre ten en conta que en literatura hai avances desde diferentes perspectivas que permiten ir vendo e tallando novos perfís. Como todos os grandes autores e autoras sempre hai moito que descubrir”.

Por diante quedan aínda dúas sesións. Unha delas para situar a Rosalía no contexto internacional, descubrir as influencias doutros autores, os seus puntos de concomitancia e as diverxencias do que acontecía en Europa (30 de maio) e unha última Esta para amosar a eficacia das novas ferramentas analíticas que permita integrar dimensións ata o de agora silenciadas ou infravaloradas do seu perfil de cara unha interpretación global. Entre todas elas permitirán ese coñecemento global de Rosalía cando se celebran os 1520 anos da publicación de Cantares gallegos.