Xosé Luís Méndez Ferrín confirmou onte a súa dimisión como presidente e membro numerario da Real Academia Galega ante o plenario da institución. No seu discurso de despedida, e en declaracións posteriores a medios Ferrín alertou de que "está en perigo" a Academia en si e mais a súa razón de ser "a defensa do idioma". Ademais, apuntou a existencia de "forzas que atentan contra ela e esas forzas son internas e son externas".
O plenario da institución, que lle solicitou que retirase a súa renuncia e rematase o seu mandato, acordou non aceptar o abandono da institución e acordou que deixará baleira a cadeira do ata o de agora presidente. Xosé Luís Axeitos, ata o de agora secretario, pasará a ser o presidente en funcións e Francisco Fernández Rei ocupará o posto de secretario interino. O proceso e elección dun novo presidente abre agora e rematará nun prazo máximo de 3 meses.
De xeito paralelo, o propio Axeitos anunciou que se farán públicas as contas da Academia de 2012 e mais o proxecto de orzamentos para 2013, xa dispoñibles no web da institución e aprobados polo plenario na sesión de onte. Ademais, crearase unha comisión que estableca un protocolo para futuras contratación por parte da entidade.