Méndez Ferrín dimite como presidente da Real Academia Galega

Remitiu unha carta á comisión executiva e membros numerarios da institución

| Santiago. Redacción | Seccións: Lingua
Compartir:

Xosé Luís Méndez Ferrín presentou esta mediodía a súa dimisión como Presidente da Real Academia Galega. Fíxoo por carta, á comisión executiva da institución e aos membros numerarios. Tamén renuncia á súa condición de membro numerario da RAG. Ferrín agradeceu de maneira especial o labor do secretario, Xosé Luís Axeitos, e a boa parte dos académicos. Non obstante, criticou que outros "académicos e académicas, unidos a persoas externas, fixéronme sentir que eu non teño sitio na Academia".

TEXTO COMPLETO DA CARTA DE RENUNCIA (desde El País)

Á Comisión executiva e membros numerarios e correspondentes da Real Academia Galega

Mediante este escrito renuncio á presidencia da Real Academia Galega e no mesmo acto renunciarei á condición de membro numerario da institución. Doulles as grazas e un abrazo a todos os membros da Executiva porque á súa intelixencia, superior cultura e desinteresada entrega son debidas as obras, éxitos e conquistas que acadou e coñeceu a Academia no período inconcluso que termina coa redacción da presente carta. De modo especial quero destacar a dedicación sacrificada e lúcida do Secretario.

Á maioría dos académicos e académicas quérolles significar os meus sentimentos fraternais e o meu agradecemento polo seu labor ilusionado, a súa lealdade institucional e cooperación eficiente.

Non obstante, outros académicos e académicas, unidos a persoas externas, fixéronme sentir que eu non teño sitio na Academia. Beizón tamén a estes e estas porque os seus esforzos, finalmente coroados por un éxito completo, tiveron a virtude de me facer ver a tempo onde debo estar e onde non debo estar nos poucos días que me resten de vida.

Viva e floreza a Academia Galega!

Viva Galicia ceibe!

Que che parece esta nova?
67 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Real Academia Galega, Méndez Ferrín, Xosé Luís Axeitos, El País