Atlántica encherá de historias orais Santiago de Compostela

O Festival Internacional de Narración Oral reunirá máis de 50 eventos

Nace con vontade de permanencia e cos obxectivos de amosar a calidade dos narradores orais galegos e a súa relación con outras tradicións e imaxinarios das ribeiras do Océano Atlántico. Desta volta, 22 narradores orais, escritores, investigadores e bibliotecarias participarán en sesións para todos os públicos. Entre o 5 e o 16 de marzo, Compostela acollerá desde sesións matinais para nenos ata debates e mesas redondas a media tarde, e funcións para adultos pola noite en diferentes bares e espazos escénicos de Compostela, coma o Salón Teatro, a Sala Mozart ou o Teatro Principal. Todo a prezos populares. É a posta de longo da narración oral en Galicia.

Narradores orais como Kiko Cadaval, Cándido Pazó, Paula Carballeira, Avelino González, Tim Bowley, Pedro Brandariz, Raquel Queizás, Clara Hadad ou Celso Fernández, escritores como Manuel Rivas, Xabier P. Docampo ou Xurxo Ayán, e bibliotecarias como Blanca Calvo, Mª Luz Fernández ou Carina Fernández participan deste Festival que combina mesas redondas con espectáculos teatrais nocturnos na cidade.

Abonos e prezos
Hai dous tipos de espectáculos: contadas e galas. As contadas teñen un prezo de 5 euros e as galas de 8 euros. Pódense adquirir abonos para 10 funcións (non galas) a un prezo de corenta euros.

Inauguración
O festival inaugurarase o 5 de marzo, martes, cunha conferencia inaugural de Manuel Rivas sobre o imaxinario atlántico no Consello da Cultura Galega ás 19.00 h. (acceso gratuíto).

Mesas redondas
O 15 e o 16 de marzo será o tempo das mesas redondas. O día 15 a Biblioteca Ánxel Casal acollerá o debate O imaxinario atlántico, que reunirá a investigadores como Antonio Reigosa ou Xabier Docampo. O 16 de marzo, o Consello da Cultura Galega acollerá un debate sobre programación cultural con destacados programadores e bibliotecarias de centros caracterizados polo seu dinamismo na promoción da lectura.

Visitas guiadas
Canda espectáculos tradicionais de narración oral, ofreceranse visitas guiadas á cidade co obxectivo de contar as historias que agocha Compostela. Deste xeito, o arqueólogo Xurxo Ayán explorará o Santiago da Guerra Civil en "Santiago de Compostela e a Última Cruzada".