
O vindeiro 1 de marzo abrirá oficialmente o ano expositivo do MARCO. Dúas exposicións colectivas, dúas individiduais máis a exposición do Premio MARCO/FRAC Lorraine para novos comisarios compoñen o formato dun centro que segue a exhibir unha atención moi clara e decidida cara o contexto galego. Hai artistas, comisarios e centros galegos no listado de nomes que protagonizarán este centro no 2013.
Visión internacional
Dúas exposicións individuais para dar conta de dous creadores coñecidos a nivel internacional. O caso de Massimo Bartolini, con comisarioado de Anna Cestelli que coñece a realidade galega da súa colaboración co CGAC, insírese na liña de traballo de proxectos expositivos orientados a indagar na relación da arte sonora e artistas que traballan co son. Proxectos que xa exhibíu o centro en Escoitar (2007) ou Loreto Martínez Troncoso (2011). A outra é para achegar o traballo textual de Patricia Esquivicas (Caracas, Venezuela, 1979), unha creadora que chega logo de expor no Museo Nacional Reina Sofía (Madrid) ou Tate Modern (Londres) e cuxa obra cuestiona o medio rural que queremos no futuro, no marco das relación campo-cidade.
Colectivas e propias
Para as exposiciósn colectivas, o MARCO afondará nos novos nomes da creación galega. Primeiramente (abril-setembro) cunha mostra comisariada por Ángel Cerviño e Alberto González-Alegre. Nela unha vintena de artistas pretenden traer ao visible o a idea inicial do seu traballo, ese bosquexo entre documentalista ou proxectual que dará lugar á súa obra. O bosquexo do mundo xorde da colaboración entre o MARCO, o Auditorio de Galicia e a Fundación Seoane.
Para a outra mostra colectiva, o MARCO parte da exposición Urbanitas coa que en 2006 se achegou a unha xeración de trinta artistas galegos nados a partir de 1970. Desta volta, para revisar o máis novo coa intención de investigar e mostrar o que está a suceder nun tempo e lugar determinados, de asumir riscos, de encher certos baleiros na percepción, segundo detalla a nota de prensa de avance da programación. Esta mostra, Os veraneantes, chegará de outubro ata marzo de 2014.