Xeración de identidade

Veraneantes amosa un retrato da creación galega actual máis preocupada polo próximo

Vista xeral de pezas da mostra <i>Veraneantes</i>
Vista xeral de pezas da mostra Veraneantes
Creadores galegos que traballan desde fóra. A reflexión sobre a diferenza e a identidade a través da arte. Unha aposta pola produción. Unha fotografía da paisaxe creativa actual. Veraneantes, a exposición que o Museo de Arte Contemporánea (MARCO) de Vigo ten en marcha este outono-inverno, supón unha ocasión única para coñecer o que se está a mover na creación artística do país. Coñecemos con Iñaki Martínez Antelo e Agar Ledo, comisarios da mostra, as ideas e os obxectivos desta iniciativa.

Un total de 26 creadores, algún deles colectivos, amosan ata o vindeiro mes de marzo traballos creados especificamente para o MARCO de Vigo. Veraneantes, segundo explica o propio texto de presentación da mostra, “traza un dos moitos e subxectivos mapas da produción cultural dunha época e dun territorio”. Nese sentido, as obras expostas amosan “unha forte relación natural cara á súa orixe, a súa especificidade, a lingua, a memoria familiar, a paisaxe, os recursos naturais, os acontecementos filtrados pola historia, e unha dimensión máis social da arte”, a reflectir unha tendencia clara no momento artístico. Agar Ledo e Iñaki Martínez Antelo explícanos como xurdiu a exposición.


¿Por que agora Veraneantes? Obedece a esa ‘necesidade de cambio’ á que alude o título?
Veraneantes preséntase como un contexto de produción, unha das formalizacións da investigación que iniciamos hai máis dun ano coa intención, non de probar unha tese, senón de 'pensar en alto', formular cuestións, presentar unha serie de reflexións de carácter individual que, no seu conxunto, representan un espazo de preocupacións común.
O título da exposición, na súa acepción literaria, non literal, alude a esa condición de reencontro que supón este proxecto circunscrito ao noso contexto máis próximo. Remítenos á peza teatral Veraneantes, que Maximo Gorki estreou en 1904, na que se transmitía a necesidade de cambio na sociedade rusa pre-revolucionaria, un mundo en transformación, e onde os personaxes, reunidos nun mesmo lugar, propician a discusión, o entendemento, e no reencontro adquiren conciencia da súa capacidade para transformar o mundo que os rodea. Podemos entendelo como unha forma de reivindicar o cambio necesario. As revolucións nacen de longos procesos de cambio.

¿A exposición supón unha busca de tendencias? ¿Como foron os criterios de selección?
Preferimos falar de actitudes individuais que, cando se encontran nos espazos do MARCO, atopan ese outro camarada a quen lle falar. Esta idea, que subxace tras a exposición, de buscar quen nos escoite, provén da lectura de A noite xunto antes dos bosques, de Bernard-Marie Koltès, obra que inspirou tamén a Loreto Martínez Troncoso na escultura sonora, [sen voz], 2013, que presenta na exposición.
Cando comezamos a traballar no proxecto, mantivemos encontros con artistas e outros axentes; revisamos a obra de moitos artistas que, nos últimos anos, participaron en certames abertos do noso ámbito próximo, como Novos Valores, o Premio para novos artistas do Auditorio de Galicia, ou en exposicións producidas pola facultade de Belas Artes de Pontevedra, por espazos como o FAC Peregrina, por Diálogos improbables, en Lalín, etc. Ademais, contamos coa xenerosidade dos artistas, porque grazas ás conversas que mantivemos ao longo de tantos meses, sobre a súa obra, pero tamén sobre as súas referencias, preocupacións, inquedanzas e formas de traballo puidemos avanzar nunha investigación que nos permitiu debuxar un dos tantos e subxectivos mapas da situación de produción cultural relacionado con Galicia.
Realmente un dos criterios de selección máis importantes foi a traxectoria desenvolvida por cada un deles nos últimos anos. Ás veces non é necesario ter un proxecto en marcha para continuar a desenvolver o teu traballo. Seleccionamos artistas que tiñan proxectos en marcha que necesitaban un apoio á produción para poder ser expostos nas mellores condicións. Sen a axuda do museo, na maioría dos casos moitas das obras de Veraneantes nunca terían ‘existido’.

Por que o territorio como eixe? Que tipos de relacións co territorio/identidade atopamos na mostra?
Cando traballamos con filtros como o da pertenza a un lugar, xorde inevitablemente a cuestión da identidade, pero a cuestión cultural excede calquera delimitación xeográfica física, malia que a análise intercultural ou mesmo transcultural teña que partir, indefectiblemente, de culturas concretas.
Vivimos nun momento de desaceleración cultural a nivel global, cun excesivo valor ao tempo presente, pero a construción da identidade vén dada pola comprensión da nosa modernidade e unha consolidación das relacións entre o universal e o particular. Ata hoxe, as xeracións de creadores galegos sucédense sen unha continuidade, sen referentes sólidos, sen conciencia xenealóxica. Percibimos que agora, existe unha reflexión sobre a ‘diferenza’ e, precisamente, na xeración actual falamos de pezas non miméticas e cunha forte relación natural cara a súa orixe, a súa especificidade, á memoria familiar, a paisaxe, os acontecementos filtrados pola historia e unha dimensión máis social da arte. Rubén Grilo, cunha traxectoria asentada no exterior —residente en Berlín— presenta tres obras da serie Pattern Free. Ripped from Zara, 2013, un proxecto a longo prazo no que analiza os procesos de industrialización do téxtil e reproduce patróns de coleccións de vaqueiros da marca Zara; Enrique Lista presenta o proxecto Teresa de Villar para a transmisión de coñecemento Culinario, 2013, no que recupera as técnicas e costumes culinarios da súa avoa; Joan Morera presenta Toldscapes, 2011, un traballo fotográfico a partir de lugares de represión, concretamente de «paseos» e fusilamentos durante a guerra civil española no sur de Galicia, nas bisbarras de Vigo, Pontevedra, O Condado e O Morrazo; o colectivo montenoso desenvolve un proxecto sobre os montes veciñais en mancomún (MVMC) de Galicia, un exemplo centenario de procomún; Lois Patiño mostra A imaxe arde, filme gravado na Costa da Morte, no verán de 2013, cando chegan os incendios; Usue Arrieta e Vicente Vázquez mostran o filme Canedo, que ten como eixe a familia de Vázquez e o tecido produtivo, pasado e presente, do seu pobo (Quintela de Canedo) na provincia de Ourense. E así un longo etcétera.

A mostra está entendida como un mapa dun momento creativo. Cales son os puntos centrais deste mapa? E as eivas no sistema?
Unha das sensacións que temos é que o panorama está dominado polas institucións, que precisan mudar acorde a como foi mudando a sociedade e cultura galega nas últimas décadas, e hai una carencia de espazos intermedios, algo do que sempre se fala pero que nunca se cubre. Moitas das infraestruturas que se crearon nos últimos anos están baleiras de contidos e nalgúns dos casos, de sentido, non eran necesarias. Un centro de produción non resulta de interese porque non ten o efecto mediático que poden ter outro tipo de proxectos aínda que permanezan baleiros despois da súa inauguración.

Nesa liña préstase unha especial atención a artistas que residen no exterior. Que papel xogan eses ‘veraneantes’ no panorama artístico galego?
Centramos a nosa atención no noso contexto máis próximo nun momento no que a meirande parte dos artistas traballan entre dentro e fóra, nunha diáspora que esta vez, nun momento de mobilidade e intercambio de fluxos, mantén unha boa relación con Galicia. A diáspora dos artistas das décadas anteriores viña motivada pola formación nas Escolas de Belas Artes, cando aínda non existía a de Pontevedra. Agora a marcha responde a un proxecto de aprendizaxe persoal, pero tamén a unha escaseza de espazos de produción, liñas de investigación e estruturas críticas das que poidan participar e un panorama de visibilidade dominado polas institucións e as meritorias galerías que, nos últimos anos, manteñen un proxecto realmente contemporáneo. Unha parte dos artistas posúen unha traxectoria no exterior, alterando en moitos casos esa busca de visibilidade de dentro a fóra, que preocupou ás nosas institucións dende os anos oitenta, É bo ver como todo flúe.

¿Cales son as relacións e/ou diferenzas con Urbanitas? Nos tempos que corren, esta é unha importante aposta do MARCO pola produción. ¿Botan en falta máis apostas nesta liña no panorama expositivo de Galicia?
Dende Urbanitas, producida no ano 2006, o contexto mudou. Non foi un cambio brusco, senón paulatino, pero oito anos despois consideramos que había certas actitudes diferentes á hora de enfrontarse ao traballo. Probablemente é máis evidente agora a mobilidade, e ás veces estar fóra supón un achegamento ás orixes, unha autoconciencia que, nun momento de internacionalismo, aporta validez a discursos propios. Insistimos en que creamos un contexto de produción porque non existen eses espazos intermedios de intercambio, necesarios para crear estruturas sólidas e permanentes de traballo. Pensamos que proxectos como este son un grande estímulo para a comunidade artística, xa que representa unha recompensa ao traballo feito nos últimos anos polos artistas que están na mostra, e ademais dunha importante axuda a promoción do seu traballo, supón unha posibilidade real de que a maioría se enfronte a traballar cunha institución museística e coñeza o proceso de participar nun proxecto no que van traballar cun equipo de montaxe profesional, cun departamento de prensa, reciben uns honorarios por mostrar o seu traballo, e teñen que ser quen de defendérense e xustificar as súas liñas de investigación.

Percíbese un interese por completar a exposición cun intenso programa de actividades. ¿En que medida complementa isto os contidos da exposición?
As actividades permítennos afondar máis na idea que temos do público como usuario e xerador de contidos. Durante os meses da exposición, as persoas poden facer uso dela de diversas formas, sobre todo a través do ciclo Material-memoria, comisariado por Pablo Fidalgo Lareo dentro do proxecto máis amplo de Veraneantes. Pensamos que era necesario incluír propostas escénicas e cinematográficas nun momento en que as relacións entre as diferentes disciplinas poden ser especialmente ricas e mostrando no mesmo espazo expositivo proxectos que teñen unha temporalidade diferente á que poden ter as outras obras da mostra. Isto tamén fai que os diferentes tipos de públicos que poden achegarse ao museo se crucen e vexan a exposición antes ou despois da peza que veñen de ver en directo e se establezan relacións que terminen de completar o discurso.

A exposición permanece aberta ata o vindeiro mes de marzo complementada cun amplo programa de actividades que se pode consultar no web do MARCO.

Galería: <i>Veraneantes</i>

Galería: Veraneantes

Canedo,2010. Fotograma. Cortesía dos artistas.

Rubén Grilo. <i>Pattern Free. Ripped from Zara (indigo version I). Pattern Free. Ripped from Zara (indigo version II)</i> 2013

Rubén Grilo. Pattern Free. Ripped from Zara (indigo version I). Pattern Free. Ripped from Zara (indigo version II) 2013

Foto: cortesía MARCO/Enrique Touriño

Enrique Lista. <i>Teresa de Villar para la transmisión de conocimiento culinario (detalle)</i>

Enrique Lista. Teresa de Villar para la transmisión de conocimiento culinario (detalle)

Foto: cortesía MARCO/Enrique Touriño

Loreto Martínez Troncoso. <i>[sen voz]</i>. 2013

Loreto Martínez Troncoso. [sen voz]. 2013

Foto: cortesía MARCO/Enrique Touriño

Joan Morera <i>Toldscapes</i>. 2011

Joan Morera Toldscapes. 2011

Foto: cortesía MARCO/Enrique Touriño

montenoso. <i>Xeografías do mancomún</i> (detalle). 2013

montenoso. Xeografías do mancomún (detalle). 2013

Foto: cortesía MARCO/Enrique Touriño

Lois Patiño <i>La imagen arde</i> HD, 16:9, cor, 30 min., 2013

Lois Patiño La imagen arde HD, 16:9, cor, 30 min., 2013

Fonte: MARCO. Cortesía do artista