A Xunta aproba a delimitación do Camiño Primitivo

O DOG recolle o trazado do Camiño Francés en Santiago

7/12/2012 | Redacción: Santiago. Redacción | Seccións: patrimonioCamiño de Santiago
11 lecturas | Compartido 0 veces

Delimitación do Camiño Francés á súa chegada a Compostela

O Consello da Xunta do pasado mércores aprobaba a delimitación oficial do Camiño Primitivo a Santiago. O proxecto, segundo o goberno, mantén na maior parte do trazado o percorrido tradicional, agás nos tramos que se considera "perdido ou é irrecuperable", onde a Xunta propón percorridos alternativos que considera acordes "cos valores inmateriais asociados ao camiño, tendo en conta aspectos relativos á súa calidade ambiental, a presenza de elementos patrimoniais, condicións construtivas e lóxica territorial en xeral". O proxecto documenta os tramos nos que hai restos históricos e elementos documentais que verifican a súa relación co Ruta Xacobea.
A proposta de delimitación da Xunta fora amplamente criticada por diferentes colectivos ecoloxistas e culturais integrados no Foro do Camiño Primitivo, sinalando que en diferentes tramos se prioriza a vía nova fronte á orixinal, dando carta de legalidade a apropiacións privadas do terreo do camiño no que denuncian como "fraude".

De xeito paralelo, o Diario Oficial de Galicia (DOG) publica o trazado do Camiño Francés ao seu paso polo Concello de Compostela, aprobado tamén recentemente polo Goberno Galego.

Universo culturagalega.gal

Contextos