O sector das artes escénicas contará unha plataforma de protesta no Culturgal

Os profesionais do circo presentarán a súa asociación profesional

Funcións de teatro para grandes e pequenos, casetas de diferentes entidades para dar a coñecer o seu traballo e mesmo unha plataforma de denuncia da situación actual das circunstancias que rodean a dramaturxia galega. Deste xeito se presentará o sector das artes escénicas no marco do Culturgal, a feira das industrias culturais que terá lugar en Pontevedra do 30 de novembro ao 2 de decembro. Alén de funcións e mesas de debate, os profesionais do circo presentan o seu colectivo.

Neste escaparate da cultura, o sector das artes escénicas terá unha fonda representación no conxunto total de sectores presentes na cita. Terá unha faceta moi pensada para o gran público con abondosas representacións tanto para nenos (Babaluva, Baobab, Caramuxo Teatro, Os Señor das Dunas, Quinquilláns, Elefante Elegante, O Carballo con Botas, Os Sete Magníficos máis un e Fantoches Baj) como para adultos (Inversa Teatro, Pinga Teatro, Radio Torreiro, Talía Teatro, Gaivotas Subterráneas, Funboa Escénica, Cisma Danza, Gustavo Pernas e Os Monicreques de Kukas).

Alén desa faceta máis pública, o sector aproveitará este encontro para facer posta en común da situación actual. A máis reivindicativa será a da Plataforma das Artes Escénicas, que forma parte da iniciativa Cultura contra a Mentira, que volverá denunciar a situación actual das artes escénicas. Con todo, o colectivo Escena Galega inclúe no programa tres mesas redondas para falar da nova escena galega, do teatro para nenos e nenas e o do nacemento do teatro profesional. Outro colectivo, o do circo, fará a súa presentación oficial na feira e os profesionais da danza, desenvolverán alí a súa asemblea anual.
Ligazóns