A hora do circo

Un ciclo exhibe as relacións do circo con outras artes escénicas

Flamenco, malabares, clown, danza contemporánea... o novo circo fusiónase con outras disciplinas escénicas. Novas tendencias que se están a desenvolver en toda Europa e que o Centro Dramático Galego escolma nun ciclo. Baixo o nome de Circo en escena catro funcións permitirán achegar o máis arriscado, experimental e creativo do novo circo. Coñéceas e programa a túa visita ao Salón Teatro do 5 ao 20 de febreiro en Santiago.

Circo - Danza contemporánea
Contigo
O ÚLTIMO MOMENTO (Portugal)

Sábado 7 de febreiro ás 20.30 e domingo 8 ás 18.00 horas

Estreado en 2006 no Festival de Aviñón, no ámbito do programa "Le Sujet à Vif", Contigo é un espectáculo nacido do encontro entre dous artistas portugueses: o coreógrafo Rui Horta e o acróbata do mastro chinés João P. Pereira dos Santos. A danza contemporánea e o novo circo fúndense nunha linguaxe común onde as fronteiras entre estas dúas disciplinas artísticas parece non existir. O escenario está apenas ocupado por algúns obxectos, un mastro chinés, un tótem que marca fatalmente ese espazo e lanza un desafío vertical. Un corpo responde a ese mesmo desafío, á vertixe, ao risco e á posibilidade de caer.


Circo - Flamenco
Malgama
VARUMA TEATRO (Andalucía)

Xoves 5 e venres 6 de febreiro ás 20.30 horas

Malabaristas que rouban os lunares dun traxe de flamenca para xogar con eles e botalos ao compás mentres se desenvolve un espectáculo de canto e de baile, unha bailaora coa súa bata de cola suspendida no aire compartindo escenario cun acróbata ou pallasos por peteneras, que segundo a lenda traen mala sorte, son algúns dos números deste espectáculo onde se dan a man o circo contemporáneo, a música en directo e o flamenco.

Esta ampla mostra é unha amálgama que xoga co nome da obra e do seu protagonista, Malgama, un personaxe que padece a eterna insatisfacción de non sentirse completo porque lle falta o "a" do amor e da amizade. Ao longo do espectáculo acompañamos a Malgama nunha viaxe iniciática na procura do motor que o conduza a evolucionar, o pulo que lle dará sentido á súa vida. E é que moitas veces buscamos no exterior o que só podemos encontrar no noso propio interior.


Circo - Danza acrobática
Ieto
COMPAÑÍA IETO (Francia)

Xoves 19 e venres 20 de febreiro ás 20.30 horas

Jonathan Guichard e Fnico Feldam, funámbulo e acróbata, forman a compañía Ieto, unha proposta de danza acrobática contemporánea, chea de ideas e creatividade, que investiga a expresividade corporal pero tamén o espazo e os elementos escénicos.

Durante o transcurso do espectáculo, a complicidade lúdica entre os dous artistas salta á vista; un dos personaxes, de forte concentración, contrasta coa figura do outro, de espontánea intelixencia e tranquila indiferenza. Ante si teñen sete enormes táboas de corenta quilos cada unha, dúas ou tres barras, unha corda, algunhas cuñas... e con elas fan construcións e estadas e xogan cos contrapesos, as suspensións e os desequilibrios, ata chegar ao momento de emprenderen a travesía polo baleiro sobre o cable tendido, entre cuxo silencio xorde o renxer da madeira sometida a esforzos. Unha actividade de risco artístico e físico de gran complexidade técnica que nos fai conter a respiración.


Circo - Clown ESTREA
As vingadoras
MAQUINARIA PESADA (Galicia)

Sábado 14 de febreiro ás 20.30 horas e domingo 15 ás 18.00 horas

As actrices Marian Bañobre e Isabel Risco estrean As vingadoras, o seu novo
proxecto común. Trátase dun espectáculo de clown baseado na serie televisiva inglesa dos anos 60 Os vingadores e que supón o primeiro espectáculo da recentemente constituída compañía Maquinaria Pesada.

Algo cheira a podre aí fóra, haberá que investigar e enfrontarse a quen ou ao que sexa. Coa súa preparación e coñecementos, as astutas Emma e Pili, unha vez máis, resolverán un caso de máxima importancia para a sociedade galega. Este tándem é convocado outra vez pola nai para resolver un novo enigma, cal será desta volta? Que aventuras as agardan? Sairán airosas deste novo reto? Sobrevivirán? Supervivirán?...

Imaxes dos espectáculos

Imaxes dos espectáculos

O último momento presenta Contigo

Ieto

Varuma Teatro presenta Valgama