Arrinca a 17 edición do Festival de Cine de Ourense cunha programación máis reducida

Os cines BOX acollen as proxeccións quedando o auditorio reservado para as galas

Detrás quedan meses de incertidume, de debate político que superou o puramente cinematográfico trala decisión da Deputación de Ourense de rescindir o seu apoio económico e formal ao encontro (trala disolución do Consorcio que o organizaba). Malia a todo, a 17 edición do Festival de Cine de Ourense arrinca esta noite coa gala inaugural, na que se proxectará o filme Buscando a Eimish. Abre así unha cita que conta con 45 filmes, dos que 12 títulos competirán pola Calpurnia, premio do festival. A presenza galega queda reducida nesta ocasión a un ciclo paralelo.

Son varias as características que definen esta edición do festival de Cine de Ourense. A primeira delas é a reducción da sección oficial competitiva a únicamente longametraxes cinematográficas. Con todo, outros xéneros e formatos terán cabida no festival no marco dos catro ciclos paralelos (Latinoamérica, comedia, Europa e Galicia). Outra delas é que, se dun tempo a esta parte se buscaba centralizar a actividade do encontro no Auditorio, nesta ocasión este espazo resérvase únicamente para as galas (inaugural e peche). O centro comercial Ponte Vella, onde están os Cines BOX, acollerán os encontros, concertos e proxeccións. Este ano o bono é para 5 películas (15 euros) e as entradas están a 4 euros.