O Museo de Lugo acolle as xornadas sobre sensualidade e erotismo na arte

A institución ten aberta a mostra Arte para gozar ata o vindeiro 30 de setembro

Ás seis desta tarde dan comezo as xornadas sobre sensualidade e erotismo na arte que acolle ata o vindeiro 28 de setembro o Museo Provincial de Lugo. A actividade contará coa presenza de investigadores coma Fernando Arribas, que falará sobre O cine erótico e pornográfico en Lugo ou Xosé Miranda que falará sobre o erotismo na literatura popular. A música, a fotografía, a literatura, a gastronomía ou o estilo románico serán tamén analizados desde esta perspectiva. As xornadas rematan o vindeiro venres 28 cunha cea afrodisiaca. De xeito paralelo, o Museo acolle a mostra Arte para gozar. Sensualidade e erotismo nos museos da Rede Museística da Deputación de Lugo, que aborda unha selección de fondos destes centros cunha ollada erótica.