O programa 10x10 Pública, que desde hai dous anos coordina a Fundación Contemporánea desde Madrid, chega á Coruña. A tenente alcalde, Ana Fernández, presentaba onte este proxecto, polo que o Concello organizará na Ágora un espazo de formación e promoción de iniciativas emprendedoras no campo da cultura. Para alén da presentación pública, os interesados disporán de asesoramento no seo do programa, e un comité seleccionará tres proxectos que poderán recibir cadansúa axuda de 2.000 euros para se pór en marcha. A xornada de presentación celebrarase o vindeiro 6 de novembro e os interesados teñen ata o 11 de outubro para solicitar a súa participación.