Agadic concede 145.000 euros a 78 proxectos para exportar e promover a cultura fóra

É a primeira das resolución da convocatoria de axudas ás industrias culturais

Son as primeiras resolución dunha convocatoria que destina 450.000 euros a fornecer as industrias culturais. O web de Agadic publicaba onte á tarde os beneficarios relativos ao apartado de distribución. En total beneficiaranse 28 empresas (12 compañías de teatro, 4 de danza, 6 promotoras musicais, 5 galerías de arte e 1 editora) que recibirán 144.826 euros e que se corresponden con 78 propostas de distribución de espectáculos escénicos e musicais en actividades de carácter internacional. Canda esta listaxe, tamén se conceden as cinco empresas que se benefician do programa “Crédito-cultura”, que distribúe 7.672,64 euros.

Segundo a nota de prensa remitida pola Consellaría de Cultura e Educación as compañías beneficiarias no eido teatral son A Xanela do Maxín (funcións en Aragón e Comunidade de Madrid), Caramuxo Teatro (Fetén de Xixón e Madrid), Eme2 (Fetén de Xixón e xira por Aragón, Castela-A Mancha e País Vasco), Ibuprofeno Teatro (Baleares e País Vasco), Malasombra Producións (xira galega), Producións Teatráis Excéntricas (xira galega, ademais de actuacións en Castela-A Mancha, Comunidade de Madrid e País Vasco), Teatro Alla Scala 1:5 (Colombia), Teatro del Andamio (Lituania, Casaquistán, A Rioxa e Cantabria), Teatro do Noroeste (Andalucía, Aragón e Cataluña), Teatro Ensalle (dúas xiras en España) e Títeres Cachirulo (Arxentina, Brasil, Colombia, Portugal, Turquía, Aragón, Asturias, Cantabria, Castela e León, Comunidade Valenciana e Madrid). No ámbito de danza, reciben achegas as compañías Entremáns, pola súa participación no festivais Visões Urbanas (Brasil) e Cádiz en Danza; La Macana por actuacións en Francia e Italia; Sólodos, tamén pola presenza en Cádiz en Danza, e Pisando Ovos polas funcións ofrecidas no marco da Red de Teatros Alternativos e en Cádiz.

No eido musical, segundo a nota de prensa “esta primeira relación de proxectos subvencionados inclúe os concertos da Bulla Timpánica en Nevada (EE.UU.) e no North Atlantic Fiddle Convention de Irlanda, de Susana Seivane en Francia (Rencotres de Luthiers et Maitres Sonneurs en Saint Chartier e festival Kann Al Loar en Landerneau), de Leilía na localidade francesa de Lagrasse, de Mercedes Peón en Bélxica e Turquía, de Riobó no Reino Unido e de Anxo Lorenzo no Folkherbert Plauen (Alemaña) e no William Kennedy Piping Festival (Irlanda)”.

Nesta convocatoria tamén figuran os apoios para o sector da arte e da edición, no que se benefician dos subsidios, “as galerías Trinta, SQC, Espazos Adhoc, Barcelos e PM8 para sufragar os gastos derivados da súa presenza en destacadas feiras e mercados de arte dentro e fóra de España, como Justmad3, Madridfoto, ARCO, Art Cologne e Pulse Miami, así como a editora Ideaspropias para a participación na Feria Internacional del Libro de Guadalajara (México) e a produtora musical Keltia para a feira APAP de Nova York”.

Crédito-cultura
Tamén se resolven os beneficiarios do programa Crédito-Cultura no que teatro e arte copan son as disciplinas que se acollen a esta modalidade. No eido do teatro as empresas son Bengala Producións, Teatro do Noroeste, Producións Teatrais Talía e Ningures Produción. No caso da arte, só unha entidade, a galería de arte contemporánea PM8.
Ligazóns