O CDG simplifica o seu Consello Asesor

Presidido por Manuel Guede, director do CDG, conta con catro membros

Naceu en 1986 para ser un mecanismo permanente de diálogo entre o Centro Dramático Galego e o sector a través representantes dos diferentes aspectos relativos ás artes escénicas. Despois de varios anos sen se convocar e recuperado no ano 2005 por Cristina Domínguez, o CDG constituíu onte un novo Consello que veu simplificado o seu número de membros. A nova composición está integrada por Salvador del Río, como representante de Escena Galega; Toño Casais, por parte da Asociación de Actores e Actrices e Galicia (que delegou en Mónica García, vicepresidenta da entidade, na súa primeira intervención); Manuel Vieites, director da Escola Superior de Arte Dramático e Carme Castro, técnica de Cultura do Concello de Carballo.

Entre os obxectivos desta entidade, segundo figura na nota de prensa remitida pola Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, está previsto que “nas súas reunións periódicas se traten asuntos e problemáticas concretas do ámbito teatral, que se abordarán dun xeito transversal a todos os axentes implicados. Articularase así un espazo de orixe de propostas e de intercambio de ideas que favorecerá o traballo conxunto e coordinado”.

Consello Asesor
A figura do Consello Asesor existe desde a constitución do Centro Dramático Galego. O seu primeiro director, Eduardo Alonso, foi o primeiro en convocalo e poñelo a funcionar. Durante a primeira época de Manuel Guede á fronte da entidade non se convocou, e foi recuerado no ano 2005 con Cristina Domínguez. Con Blanca Cendán, o Consello Asesor contou con membros procedentes de diferentes áreas do sector cultural galego (Gerardo Pereira Menaut, catedrático de Historia Antiga da Universidade de Santiago de Compostela; Marcelino de Santiago "Kukas", artista plástico e titiriteiro; Roberto Taboada, asesor cultural do Concello de Ferrol; Carlos Neira, director da Escola de Teatro "Espacio Aberto" de Santiago de Compostela; Ana Vallés, directora teatral; Alfonso Pato, xornalista e director do Festival de Cans; e Xan Cejudo, director teatral e actor de teatro, cine e televisión). Co cese de Cendán, e o posterior nomeamento de Manuel Guede como director do CDG, anunciouse a súa remodelación e simplificación que se concretou onte coa súa constitución.

*Nova corrixida e actualizada.
Ligazóns