Cen anos de cinema nos ollos de adolescentes

Os alumnos do IES Concepción Arenal de Ferrol amosan na rede 180 filmes realizados na clase

Armar os rapaces e rapazas con cámaras e lanzalos a filmar o mundo. Este é o xeito no que Manuel González, profesor no IES Concepción Arenal de Ferrol, lles explicou Cultura Audiovisual aos seus alumnos este último curso. Preto de 180 filmacións que se poden contemplar nunha canle de Yotube e que nos permite seguir a historia do cinema, nos ollos de adolescentes galegos. Achegámosche unha mostra destes traballos.

Segundo explica González, a súa aposta por este xeito de impartir a materia veu ao se incorporar de volta ao ensino logo do seu período como director da Axencia Audiovisual Galega. “Vin que os alumnos que atopaba non eran iguais que os que deixara. Estes xa se comportan como nativos dixitais. Todos teñen unha cámara de fotografías ou un móbil que lles permite gravar vídeos, e tamén teñen ordenadores na casa”. A partir desta premisa apostou por un método participativo de dar a materia, no cal a cantidade de elementos a memorizar era mínimo. “Eu enviáballes un mail con presentacións, exemplos, acceso a películas completas, e eles íano vendo na casa”. Canda a o emprego das novas tecnoloxías, González apostou por unha orientación eminentemente práctica para este contido. “A miña idea era ser a espoleta que botase a andar o motor, pero logo ese motor debían ser eles quen o mantivesen en marcha”. O proceso contrasta co xeito convencional de traballo na materia, no que só se dispuña dun equipo de gravación por aula e implicaba contidos técnicos sobre o seu manexo. O traballo facíase entón con vistas a unha única produción por grupo, fronte á multiplicidade de visións do novo xeito de traballo.

O traballo individual
Deste xeito, o primeiro trimestre de curso os alumnos tiveron que “desenvolver a súa ollada”. Máis de mil quiñentas fotografías, que se poden consultar no blog da clase, son testemuños deste proceso, no que abordaron os diferentes planos e técnicas fotográficas. A partir de xaneiro, a práctica deu un paso máis e comezou a rodaxe de filmes, seguindo os diferentes temas da materia. Os traballos desenvólvense de xeito individual, co material de filmación que cada un posúe. “A idea é obrigalos a todos a pensar. Se o fixesen por grupos, sería máis sinxelo que uns se acomodasen ao ritmo ou a visión de outros. Deste xeito teñen que escribir coa cámara como se fose un bolígrafo e podemos ollar as diferenzas entre uns e outros”.


Cambio de Pablo Blanco. Filme correspondente ao tema De Meliés a Tim Burton

Estilo e temas
“Cada un aborda os temas que quere, teñen un pequeno corsé dado pola escola ou a época histórica que se trata. Así temos filme no estilo dos Lumiére, vangardistas, traballos con plano secuencia ou da narrativa clásica que vai de Griffith a Spielberg”. Non todos os temas tiveron a mesma aceptación. “O que máis lles gustou foron as vangardas, mentres que o que lles supuxo un corsé máis forte foi a narrativa clásica, a necesidade e respectar o eixe da cámara, e os racords de dirección e de olladas”. Para alén da cuestións formais, os filmes dos alumnos do Concepción Arenal amosan tamén as preocupacións dos seus autores. “Vese moito o seu contorno social inmediato, as casas, as familias”. Malia á variedade de temas tratados, González advirte que en moitos casos “amósase un certo temor ante o futuro, unha liña de sombra no horizonte aparece en moitas pezas, e resulta moi revelador sobre a problemática dos adolescentes. Non son parvos e non pensan só en roupa e en parvadas, son conscientes de que o futuro non aparece como algo idílico”.


O Patrón botando un pitilliño. Daniel Ferreira. Correspondente ao tema De Griffith a Spielberg

O colectivo
Malia a isto, o traballo colectivo é de grande importancia na materia. Unha vez feitos os traballos visiónanse e coméntanse en grupo na clase e, segundo apunta González “aínda que o autor é un, todos se axudan e se consultan. A proposta fomentou o carácter asociativo que ten o propio cinema”. Canda a isto, “ao se faceren fóra do horario escolar, estas producións fixeron que en moitos casos a familia colaborase cos alumnos na realización das prácticas. Aparecen como actores en moitos dos filmes, e penso que isto é moi bonito”. Ao tempo, a posta a disposición do público dos traballos realizados, no blog e mais na canle de Youtube do grupo, resultou tamén un elemento de grande interese para os propios alumnos. “Custou convencelos de que eran bos e de que todos temos algo que expresar ata que comezaron a ter visitas e verificaron que se lles fai caso. Esa autoestima subiu moito desde o comezo do curso”.


Camino hacia ti mismo. Mar García. Correspondente ao tema De Welles a Sokurov.

Os resultados
Segundo González, “aínda que non debía, sorprendeume o nivel de motivación que desenvolveron os alumnos. Conectaron de seguida co proxecto”. No entanto, advirte que “a miña intención non é formar cineastas, senón que aprendan a se expresar coas imaxes, que é algo que hoxe podemos facer todos. Algúns dinme que agora xa non van ao cinema como antes, que están pendentes de planos e encadres, e iso sen eu explicar case nada, foi algo que aprenderon por si mesmos. Entón son uns espectadores máis críticos, que entenden mellor o que ollan”. No entanto, González recoñece que algúns si quedaron tocados polo interese na novena arte. “Moitos din que van facer filmes no verán, a ver en que dá".


Recuerdos de familia, de Patri Lage. Do tema De Rober Flaherty a Agnes Varda.

A continuidade
De xeito inmediato, falta aínda completar o curso. O último traballo, totalmente libre, sumará un total de 180 producións que saíron este ano da clase, aos que se engaden preto de 1.500 fotografías. Malia a que o profesor ficou contento da experiencia e prevé repetir de cara ao vindeiro ano, ten claro que fará modificacións. “Aprendín moito, e farei un lote de mudanzas. Por exemplo, poida que o ritmo de facer un filme cada vinte días resultase moi intenso para os alumnos. A min tamén me deu moito traballo porque estiven atendendo consultas de xeito continuo”. Veremos para o ano entón o que nos achegan as novas xeracións de cineastas novos.


Minotauro. De Gairah Love. Do tema Das vangardas á videocreación.
Todos os vídeos na canle de Youtube Artistas de 1a.