A Literatura infantil incrementou os seus títulos en 2010

O Anuario Iberoamericano sobre el Libro Infantil y Juvenil 2012 repasa a situación do sector en Galicia

Isabel Soto e Xabier Senín son os autores do artigo que o Anuario Iberoamericano sobre el Libro Infantil y Juvenil 2012 lle dedica a este ámbito en Galicia. A partir dos datos do Comcerio Interior do Libro en Galicia, estes autores sinalan que en 2010 se publicaron 491 obras para os máis novos no país, o que supuxo o 15% da facturación do sector editorial.

Como aspectos negativos, os autores apuntan a crise, os recortes no apoio institucional, a desaparición de medios en galego ou a escaseza de edicións dixitais para os máis novos. Pola banda positiva, salientan un lixeiro incremento no número de títulos editados, os recoñecementos internacionais de autores como Agustín Fernández Paz ou a vitalidade en xéneros como a banda deseñada e a poesía. Senín e Soto apuntan tamén a importancia que están a acadar blogs, redes sociais e bibliotecas na difusión do libro e da lectura.