
O que podemos ver na mostra OS ADEUSES. FOTOGRAFÍAS DE ALBERTO MARTÍ é indicativo da grande epopea da emigración galega que cubre case dous séculos da nosa historia máis recente, neste caso unha etapa ben concreta da emigración americana, aquela que na década dos cincuenta estaba xa dando os últimos folgos, en palabras de Ramón Villares, estudioso do fenómeno na súa condición de catedrático de Historia contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela. O Presidente do CCG subliña a importancia da relación entre emigración e fotografía, un valioso acervo documental que merece ser recuperado e no que xa deu e seguirá dando pasos o noso Arquivo da Emigración Galega.