Aplicados nas Apps

Dos contidos máis universais aos máis particulares, medra o universo de propostas galegas para móbiles

As aplicacións, eses pequenos programas con mil e unha utilidades para teléfonos de última xeración, desembarcan en Galicia. Desde propostas dirixidas ao mercado máis universal ata iniciativas nidiamente vencelladas á nosa realidade e tradición, un feixe de desenvolvedores poñen na rede os seus proxectos. No sector detéctase, polo momento, unha certa ausencia da industria cultural do noso país. Coñece con nós as aplicacións galegas, desde o visualizador de leiras ao analizador de pementos de Padrón, e olla en qué sectores están a despuntar os nosos creadores.

¿Coñeces algunha aplicación publicada que non estea na nosa lista? Cóntanolo no noso perfil de Facebook

Mesmo quen posúa un smartphone, necesario para as empregar, ten complicado coñecer polo miúdo a oferta que existe neste campo feita en Galicia, xa que normalmente estes programas non veñen coa orixe identificada. No entanto, existe un bo feixe de propostas neste campo, en moitos casos mesmo con proxección internacional, e a miúdo presentando solucións a problemas específicos do noso país. Segundo explica Marcus Fernández, subdirector da revista tecnolóxica Código Cero, “Esta é unha explosión que acontece en todo o mundo e supón un cambio de tendencia no desenvolvemento da informática. Supón un novo nicho que sobre todo exploran os videoxogos pero serve tamén para as redes sociais ou para conseguir maior visibilidade para determinadas compañías”, apunta. E é que o pouco investimento necesario é unha chaves que explica esta relativa e rápida multiplicación das apps nas nosas vidas. “Se queremos facer un xogo para unha consola de nova xeración cómpren 20 ou 30 millóns de dólares. Para unha plataforma móbil abonda cun ordenador, un móbil, creatividade e tempo”. Apunta neste campo, por exemplo, o caso de Alberto Ruibal, creador de Mobialia Chess, “posiblemente o mellor xogo de xadrez para Android”.

Experiencia e formación
Segundo a percepción deste especialista, non estamos a falar en Galicia dun sector no que un feixe de recén chegados revoluciona o panorama, aínda que algo diso hai. “En moitos casos vemos que son empresas que aproveitaron o desenvolvemento e a experiencia de anos de traballo para a aplicar aos móbiles. Moitas compañías queren posicionarse no sector de cara ao futuro”. Canda a eles, no entanto, existe unha importante porcentaxe de informáticos acabados de saír da facultade e de xente que, logo de traballar noutros proxectos, aposta por iniciativas deste tipo de xeito individual. “Hai dous tipos de desenvolvedores de aplicacións. Por unha banda atopamos xente da vella escola que xa traballaba en informática e realizaba aplicacións convencionais para ordenador. Pola outra, vemos xente que se formou en Informática nestes anos e mentres non atopan un traballo fixo apostan por facer este tipo de proxectos como un xeito de aproveitar os seus coñecementos de programación”.

Propostas adaptadas
Como receita para éxito neste campo, Fernández apunta a existencia de nichos nun mercado aínda moi novo, e máis no noso país, con espazo para innovar “O que funciona en todo o mundo tamén pode funcionar aquí, as necesidades son semellanzes, e as diferenzas en moitos casos son puramente xeográficas”. É dicir, que adaptar para a nosa realidade aplicacións que xa funcionan noutros contextos é unha opción que pode funcionar. Por exemplo, do mesmo xeito que Google ou outros servizos nos oferta a posibilidade de localizar no móbil os establecementos máis achegados á nosa localización, tamén Páxinas Galegas propón a súa propia aplicación, na que aproveita a súa base de datos con todo tipo de negocios do país. Ou a aposta de CodeNostrum con FincasGPS, que permite o visionado por satélite dun terreo e marcar os seus límites desde o propio móbil. Como se pode imaxinar, unha proposta aplicable a calquera lugar do mundo, pero que resulta especialmente axeitada nun lugar cunha distribución da propidade da terra como é Galicia. Ou a xeolocalización de obradoiros e puntos de venda que realizou a Asociación Galega de Artesáns para dar a coñecer o traballo dos seus membros, e que acaba de ser seleccionada como finalista para os premios Fundetec a nivel estatal. Receitas de cociña propias, a previsión do tempo ou horarios de trens e autobuses entre as principais cidades son propostas que se poden atopar de diferentes lugares e que están tamén dispñibles para Galicia.

Exportación
No entanto, non se debe desprezar en absoluto o mercado exterior, no que desenvolvedores do noso país teñen conseguido éxitos importantes. Un dos máis coñecidos é o caso da compañía luguesa Small Wonders, que conseguiu cos seus xogos Battle of puppets e World of popus un grande éxito internacional e que traballa no seu terceiro proxecto, Yumyum Boy. Menos coñecidos son Estudio 256, uns creadores galegos que proba sorte neste mercado con xogos como Absolute Defense e Tater Hater. Alén dos xogos, tamén Ipir se lanzou ao mercado global cunha proposta para facer reservas de última hora en hoteis con Reallylatebooking, e da man de Adiante Ventures atopamos programas para facer cálculos de salario, subsidio de paro, compartir localización ou facer o sorteo para os agasallos co sistema do amigo invisible, propostas que están adaptadas para realidades non especificametne do país. O mesmo acontece co curso de inglés Binaurality ou coas orixinais propostas de Accegal que aproveita as posibilidades destes dispositivos para facilitar a vida das persoas con discapacidade.

Oportunidades e eivas
Canda a isto sinala que “casos como o xadrez de Ruibal demostra que non cómpre facer cousas moi comerciais. Os produtos de calidade permiten conseguir recoñecemento e poden abrir camiño para abordar outras cousas”.Como eiva, apunta que o problema está mais na nosa realidade do que nas capacidades dos programadores galegos. “O que temos que amañar é a cuestión dos contidos que están dispoñibles para estas aplicacións. En moitos casos as apps consultan bases de datos ou servizos que están na rede, e hai cómpre mellorar. Hai que ter fichas completas de hoteis, discos e todo tipo de produtos e servizos, por que iso é o que vai ir enriquecendo pouco a pouco a experiencia do móbil”.

Lingua no móbil
Dentro das proposta máis especificamente galegas, atopamos un bo feixe de aplicacións que teñen como base a lingua. Dicionarios, conxugadores e mesmo fraseoloxía teñen o seu oco nos nosos teléfonos. É por este camiño que apostou a recentemente presentada GalApps, unha suite na que se reúne unha aplicación de dicionario, outra de conxugación verbal e un tradutor para a nosa lingua. Aínda que é a máis nova, non é nin de lonxe a única neste campo. Pola súa banda, a Asociación Galega da Língua tamén presentou o Dicionário Electrónico Estraviz neste formato. Resulta curioso o éxito que obtivo tamén o Refraneiro galego, que incorpora máis de 10.000 expresións da nosa lingua e que supón un xeito ben diferente de apoiar a nosa fraseoloxía tradicional. E non podía faltar, como non, a típica aplicación coas frases máis comúns na nosa lingua.

Contidos culturais
De xeito semellante, tamén contidos da nosa industria cultural están a se achegar aos dispositivos móbiles, aínda que polo momento o fan de xeito tímido. Destaca neste sentido a proposta de Contoplanet, desenvolvida por Galaxia e Perro Verde Films, que adapta para este tipo de soportes contos aos que dota dunha dimensión interactiva. Ou a aposta de Continental ao desenvolver versións de bandas deseñadas de Miguelanxo Prado para móbiles. O sector semella especialmente sensible á innovación, xa que canda a el, outros autores galegos como José Domingo e Emma Ríos tamén viron versións das súas obras neste campo, e a revista Fiz lanzou recentemente unha versión para iPad. E desde Baía Edicións presentan unha edición específica da súa Guía de Árbores de Galicia, amosando as especies máis comúns no país. E estes son só os primeiros intentos.

O potencial turístico
O turismo, e de xeito especial o Camiño de Santiago, son focos de interese para os desenvolvedores de aplicacións, en ocasións co apoio de institucións públicas. Atopamos así unha completa aplicación sobre os camiños de Santiago e guías turísticas da Cidade de Santiago como Owntheway, (con explicacións sonoras en varios idiomas), ou Turismo de Santiago de Compostela que emprega os recursos de realidade aumentada para facilitar a visita á cidade. Tamén a asociación Neria, de Turismo da Costa da Morte conta co seu oco. E mesmo ideas tan simples e estendidas polo mundo como as galerías de imaxes teñen o seu oco nas propostas galegas. Desde Sináptika, por exemplo, presentan unha selección de fotografías do noso país para os interesados en levar un recordo no seu iPad.

Imaxe de marca
Non faltan tampouco as aplicacións de carácter máis publicitario, coas que as grandes marcas queren garantir a súa presenza neste novo mercado achegando servizos. Zara ou Estrella Galicia son algunhas das empresas radicadas no país que apostan por este tipo de proxectos. A febre está a chegar tamén a eventos, que nalgúns casos xa propoñen apps propias para enriquecer a experiencia dos usuarios. É, por exemplo, o caso de Santiago(é)Tapas, que achegou unha guía para o teléfono na súa última edición.

A febre, no entanto, está lonxe de rematar, e Marcus adiatan que “están a se desenvolver moitos proxectos que verán a luz nos vindeiros meses, aínda non se están a visualizar os resultados de todo o movemento que se está a dar”, sinala. Aínda que xa houbo en Compostela, o pasado mes de decembro, a primeira edición de MobileconGalicia, na que se exploraron as posibilidades de desenvolvemento deste mercado e se presentaron boa parte das iniciativas en marcha. Con tantas opcións, é ben difícil se perder. Fernández sinala as súas favoritas por se alguén quere tomar nota. “Encántame unha que saíu, de brincadeira, que che di se un pemento de padrón vai picar ou non enfocándoo coa cámpara, chámase Pementos Analyzer. E logo fíxome moita ilusión un videoxogo de Mobialia chamado Slot Racing que é unha especie de scalextric para Android que a moitos nostálxicos coma min vailles iluminar a cara”.
Ligazóns