A feira de arte Espazo Atlántico adía a súa VI edición para despois do verán

A directora, Marta Scarpellini , confía en poder celebrar unha edición máis reducida

A feira de arte contemporánea, Espazo Atlántico, celebrarase despois do verán. Esa é a intención da súa directora, Marta Scarpellini, que decide adiala “confiando en que o contexto económico sexa máis favorable”. A directora recoñece que será un proxecto máis reducido e dimensionado ao financiamento económico do que dispoñen. A día de hoxe, contan co apoio do concello pero non hai nada concreto sobre a mesa. “Cremos no proxecto e loitaremos por el dun xeito case vocacional para promover a arte contemporánea” asegura Scarpellini.

Espazo Atlántico celebrou en 2010 a súa quinta edición. Con todo, as dúas primeiras tiveron lugar baixo o nome de “Puro Arte”, sendo o ano 2009 o que du o seu punto de inflexión coa incorporación de David Barro como codirector do evento, ollando para a creación da fachada atlántica, asi como a colaboración con outras entidades. Un ano despois Barro abandona a dirección artística da feira, que queda en manos de Pilar Ribal e pasa a facer parte do comité de selección (integrado por unha serie de galeristas de Galicia e Portugal, entre os que destacaban Inés Ramiro de Adhoc e Asunta Rodríguez da Galería Trinta).