Crear en 2011 (e II)

Os sectores culturais economizan recursos en tempos de crise sen renunciar ás ideas

Muriel Sánchez en <i>A Ópera dos Tres Reás</i>. Foto: CDG
Muriel Sánchez en A Ópera dos Tres Reás. Foto: CDG
Volver aos espectáculos escénicos de pequeno e medio formato; a prevalencia da fotografía e vivir dos proxectos audiovisuais pasados son algunhas das tendencias que expertos e críticos observan da creación recente. Repasamos as tendencias no sector das artes escénicas, audiovisual e artístico.

Hai unha palabra que condiciona a todos os sectores culturais e é a crise. “A crise e os recortes económicos condicionan as facetas artísticas” recoñece a crítica e profesora da Escola Superior de Arte Dramática, Inma López Silva, por iso non podemos esquecer o contexto”. E este contexto produciuse tanto nas artes escénicas e do movimento, como no audiovisual e na arte.

As artes escénicas
Tanto a actriz Bea Bravo como a profesora Inma López Silva apuntan a crise como un aspecto que influíu e condicionou a creación escénica neste 2011. “Ante o medo (en moitos casos, unha realidade) ós impagos, atrasos, débedas eternas e IVEs que adiantar, as compañías decidiron non xogar o pan e apostaron por espectáculos de máis baixa inversión e menor risco aínda. O que se traduce, á hora da práctica, por elencos reducidos (salvo gloriosas excepcións) e propostas menos arriscadas que de cotío. Máis comerciais, si, pero non por iso de peor calidade puntualiza Bea Bravo. Unha opinión coa que concorda López Silva e que apunta cara novos vieiros. “Interésanme moito as compañías que no 2011 deron un paso adiante e que alén de se mover nos aspecto máis multidisciplinarios e contemporáneos da creación que adoptaron un cariz feminista”. Fai referencia así a Inversa Teatro e o seu Paper Dolls e a Fumboa Escénica con Oiseau rebelle.

Pola súa banda, Gonzalo Rodríguez, secretario da Asociación de Amigos do Teatro Jofre, considera que o "ano 2011 como un ano de transición cara onde non se sabe pola incertidume na que se atopan os creadores deste pais. Na súa opinión, as principais compañías do país continuaron facendo os seus espectáculos de gran formato. Tamén destacaría a consolidación dalgunha compañía como Elefante Elegante e a creación de novas compañías, que están "empezando a aparecer con propostas innovadoras, como consecuencia da creación da ESAD, hai uns anos, como pode ser o caso de INVERSA TEATRO e algunha outra".

Con todo, para López Silva o 2011 foi tamén a un ano no que se evidenciou que o Centro Dramático Galego “non é unha tendencia estética” ao tempo que se confirma o feito de que “deixa de ser o buque insignia da dramática galega”. Defende a necesidade de facer unha reflexión profunda a propósito desta unidade de produción. Neste sentido incide Gonzalo Rodríguez, quen considera que "foi un ano de retroceso tanto pola reducción de produccións como pola liña de creación, caendo nunha línea case comercial, no caso do CDG coa súa "Ópera dos tres reás".

Con todo, López Silva é positiva con respecto ao futuro e espera unhas expectativas positivas para o 2012, ano no que comezará a notarse a saída ao mercado de profesionais formado na Escola de Arte Dramática. "Non agromarán só no 2012, pero comezará a notarse na interpretación, na dirección e tamén na dramaturxia", conclúe López Silva.

Audiovisual: os réditos anteriores
Martin Pawley é moi claro con respecto ao que deu de si a creación do sector audiovisual do ano que acaba de rematar. “O que se está a notar é que estamos vivindo das rentas do pasado” afirma ao tempo que lle pon nomes concretos a esa afirmación demoledora. Os Crebinsky, Todos vós sodes capitáns, Tra-las luces… “todos os proxectos que circularon ao longo de 2011, son filmes que foron cociñados en anos anteriores e que veñen doutra etapa, a vencellada a Axencia Audiovisual Galega” asegura o crítico Martin Pawley.

Con todo, na súa opinión existe outro aspecto que caracteriza a creación audiovisual en 2011. “Foi un ano de parón absoluto e o problema é que se 2011 foi un ano fraco, 2012 o será aínda máis” vaticina. Para Pawley, será o momento de poñer os ollos nos creadores individuais que levarán a cabo producións de orzamento cero e que están dando moitas alegrías. “O exemplo paradigmático de todo isto en 2011 foi Vikingland, de Xurxo Chirro, que empezou en Marsella e logo en Xixón e acudiu a numerosos festivais e que neste 2012 seguirá dando que falar”. Para él, hai outro perfil de creadores que agromaron neste ano que acabamo de rematar como Ángel Santos ou Lois Patiño nos que confía “que adquiran a sua forma definitiva e ofrezan grandes cousas para este ano”.


Arte: a maior presenza da fotografía
O crítico de arte Seve Penelas sintetiza o 2011 aludindo a que “as artes visuais en Galicia seguiron a dinámica internacional dun delta no que confluíron desde as propostas máis reivindicativas, as dunha arte con contidos e vocación crítica, ata os valores máis clásicos e lexitimados do formalismo, mesmo as frivolidades anecdóticas e os excesos de propaganda de proxectos baleiros que xeran ese balbordo mediático que tanto contribúe á consideración do sector artístico actual”.

Na súa opinión, este ano que acabamos de rematar deixouse notar con grande influxo en canto a xéneros e formatos. “A linguaxe fotográfica é cada vez máis popular e recorrente”, afirma, ao tempo que establece que “debuxo, escultura, instalacións e vídeo loitan por ofrecer novos vieiros e audacias”. No caso da pintura, “mentres resistan os muros seguirán a existir algúns pintores interesantes”.

Foron moitas as exposicións desenvolvidas ao longo de 2011 en Galicia, se cadra o último porque este inicio agroma desolador coa invisiblidade da Fundación Novacaixagalicia antes un punto de referencia importante a través da actividade das súas sedes, así como a súa vía de financiamento de entidades e institucións como o MARCO. Das citas xa realizadas, para Penelas, é destacada a “colectiva de artistas galegos Casus Belli + Refutación do contexto, a da fotógrafa Ana Teresa Ortega, Cartografías silenciadas. Espazos de represión franquista -ambas as dúas no Auditorio de Galicia-; Ángel Marcos no MACUF; o rara avis de Roland Topor na Fundación Seoane, o fenómeno lúdico de Martin Creed no MARCO, e o despregamento de Jeff Wall con toda a súa xenealoxía fotográfica no CGAC”.

Canda as exposición, a creación individual ten un lugar detacado para apreciar o momento actual. “Dos artistas galegos que están a acadar unha maior proxección salientaría os nomes de Jorge Perianes, Mar Vicente, Félix Fernández, Damián Ucieda, Carlos Rodríguez Méndez ou Álvaro Negro, entre os máis novos”. Seve Penelas dedica tamén unha reflexión ás homenaxes a “Francisco Asorey e Isaac Díaz Pardo coas mostras que lles dedicaron a Fundación Torrente Ballester e a Casa da Parra respectivamente”. E agarda que este 2012 ofreza máis revulsivos.