O ano que empezamos criticamente (e II)

O cambio orgánico da Xunta condiciona a política cultural prevista para este ano

A outra palabra para acompañar á crise é a de remodelación. O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo deu a coñecer a semana pasada os cambios do seu goberno. Coa desaparición da Consellaría de Cultura e Turismo e a súa correspondente integración en Educación, cómpre, agardar a ver se moitas das cousas que estaban previstas se executan finalmente. Con eles comezamos o repaso das acción, políticas e actuacións pendentes para este ano.

Un dos sentires máis comúns do sector cultural galego, con respecto de integrar as competencias de Cultura na consellaría de Educación está en evitar a merma da partida destinada a esa área. Por iso, o primeiro é ver o que xa estaba anunciado.

Os cartos previstos
Os oito millóns de euros que os orzamentos de 2012 prevén para a Secretaría Xeral de Política Lingüística supoñen unha redución do 60% aos dispoñibles en 2005, que roldaban os vinte millóns. Así o sinalou no seu momento a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) nun comunicado. Unha medida que supuxo este ano comece sen doce servizos de normalización de ámbito local (Aranga, Arzúa, Barreiros, Cabana de Bergantiños, Cariño, Cerceda, Malpica, Mesía, Monfero, Santiso, Vilasantar e Zas). Por partidas, as máis afectadas son as axudas para accións de promoción da lingua desde asociacións sen ánimo de lucro, cun 59% menos, para cursos e actividades de formación, que baixan un 18% e as destinadas aos equipos de normalización nos centros de ensino, que descenden un terzo.

Hai algunhas partidas, como a de edición en lingua galega de recursos didácticos para ensino non universitario, que xa está convocada (por importe de 300.000 euros, 100.000 menos que en edicións anteriores). Pero tanto esa, como outras deste ámbito, están supeditada á "existencia de crédito axeitado e suficiente para tal fin nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2012", tal e como apuntan as propias convocatorias publicadas no DOG, polo que tampouco está garantida que cheguen a se concretar.

O recorte xeneralizado a infraestruturas culturais que achega a Xunta afecta e entidades coma o MARCO, CGAC pero tamén á Fundacion Seoane que contará, por poñer un exemplo, no 2012 con 112.000 euros menos. Tanto a Xunta como o concello da Coruña reduciron a súa participación. A Xunta pasou dos 100.000 euros que estableceu o bipartito a 40.000 a través de Agadic, mentres que o concello reducíu dos 700.000 euros iniciais ata os 360.480 euros do ano pasado, chegando aos 250.000 nesta edición. Unha liña que se está a apreciar tanto en centros de titularidade municipal, como autonómica ou provincial.

En canto ao orzamento da Consellaría de Cultura. O pasado mes de decembro aprobouse un orzamento que baixaba de 133.213.758 do ano 2011 a 129.813.08 euros. Dentro deste departamento o recorte máis acusado era o que afectaba ao Fomento e Promoción das Actividades Culturais que contará con sete millóns menos, así como a Coordinación e Promoción do Turismo, que terá tres millóns menos. Pola contra, increméntase de xeito notorio a partida relativa a bibliotecas, arquivos, museos e equipamentos culturais que pasa de 8 a 18 millóns.

Con todo a integración das competencias de Cultura como secretaría xeral, a cargo da Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, cumprirá ver cales son os rescuros que se destinan. No novo organigrama desaparece a dirección xeral do Libro, Arquivos e Bibliotecas e queda só a de Patrimonio. Haberá que agardar a ver os recursos que se destinan aos programas e aos novos departamentos.

A CRTVG
Coproducións audiovisuais, compras de dereitos, series de ficción, programas de entretemento, producións asociadas… en resumidas contas, os produtos que impulsan o sector audiovisual galego. O director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, anunciou no seu momento no Parlamento que destinará a este fin unha terceira parte do orzamento de explotación da Televisión de Galicia. É unha das medidas na explicación do gasto dos fondos que disporá o ente para o vindeiro ano e que se reducen un 3.6% con respecto a 2011. En total, a CRTVG terá para toda a súa actividade no 2012, 117 millóns de euros. O 20% desa cifra destinarase a facer fronte á “unha necesaria renovación tecnolóxica do grupo”. Entre os cambios tecnolóxicos de dixitalización, está presente a televisión conectacda, baseada na implantación da tecnoloxía híbrida de televisión de banda ancha (HbbTV) terá no 2012 o seu ano de implantación. Neste camiño, a CRTVG acaba de iniciar as probas experimentais de emisión. A televisión conectada consiste nunha plataforma á carta cunha especie de barra lateral con múltiples funcións como escoller contidos de catálogo, participar en votacións, comentar en tempo real e ampliar información do programa que se está a emitir, entre outras opcións.

Novacaixagalicia ou a incerteza
O futuro da actividade cultural desta entidade é incerto. Anunciou a súa saída do MARCO, museo de arte contemporáneao de Vigo no que levaba desde como membro do padroado. A entidade xa reducira a súa participación, de 300.000 euros a 100.000 que achegara neste ano, ata a súa saída total. Canda esta situación saía tamén á luz que en 2012 deixará de programa no Teatro Colón (antes Teatro Colón Caixa Galicia) porque era inasumible. Non serán os únicos cambios deste modelo, xa que tal e como saíu anunciado tras un consello da Fundación Novacaixagalicia, haberán recortes en todas as liñas posibles: venderanse edificios, reduciranse gastos de funcionamento ou explotación de servizos e suprimiranse as sedes da fundación en Lugo e Ferrol. En total disporá de 40 millóns de euros para a súa actividade, 20 menos do que tiña en 2011. Prevese tamén a venda de patrimonio (inmobles e obras de arte) para obter os 75 millóns de euros que precisan para incrementar a participación de Novacaixagalicia en Novagalicia Banco do 6,8% actual ata 9,5%.Haberá que agardar para ver se se define a súa liña política cultural na súa tupida rede de espazos e infraestruturas.

O consello da cultura
O Plan de Actividades do Consello da Cultura para este ano ten un nome propio. O de Valentín Paz Andrade (1898-1987), homenaxeado no Día das Letras Galegas, e sobre o que o CCG fará unha exposición. A mostra exhibirase no Brasil, país co que Paz Andrade mantivo unha fonda relación e que permitirá ao Consello continuar co seu traballo de acción exterior. Neste campo, actividades enfocadas á emigración e exilio en colaboración cos centros do exterior, destacan actos en Arxentina ou Venezuela aproveitando outras efemérides: o 50 aniversario da Historia de Galicia dirixida por Ramón Otero Pedrayo e a conmemoración do centenario do nacemento de de Celso Emilio Ferreiro (1912-1979), emigrante e autor, entre outras obras, de Viaxe ao país dos ananos. Malia o recorte orzamentario, o Consello seguirá coa súa liña de actividades de asesoramento e xornadas de reflexión no eido da cultura.

No 2012 realizaranse actividades relacionadas coa recuperación de fondos patrimoniais (arquivos de Radio Nacional de España e Radiotelevisión Española en Galicia) os fondos e documentos de Valentín Paz Andrade e do Consello de Galiza. Canda a ela, continurase coa liña de traballo habitual de realización de informes e asesorías, en paralelo a xornadas de reflexión e debates. Segundo a nota de prensa, “impulsaranse exposicións como Asociacionismo cultural en Galicia (1961-1975) e continuarase o programa de publicacións, privilexiando a edición electrónica a través da web institucional e o portal cultural

Cidade da cultura: o ano estratéxico
Este mes de xaneiro está prevista a presentación do Plan Estratéxico para o Gaiás, haberá que ver se cos novos cambios se mantén a data ou se adía desde documento que conterá as liñas estratéxicas de traballo do centro. En todo caso, este ano poñerase en marcha o Museo cun programa de actividades que inclúen exposicións, presentacións e que reutiliza espazos insospeitados para o seu uso previsto, como é o feito de que o túnel sexa o lugar elexido para o concerto da banda noruega Ülver. En total, este ano, estarán abertos o Museo, a Biblioteca e o Arquivo de Galicia, a metade dos edificios que conforman este complexo.

No marco de actividades da Cidade da Cultura destaca a celebración en febreiro do “Encontro Internacional Economía e Cultura”, co reto de fomentar a colaboración entre estes dous sectores estratéxicos, e que ofrecerá un espazo no que presentar proxectos e buscar socios ou patrocinadores, ademais de presentar casos de éxito do binomio empresa-cultura. Un encontro que permitirá abrir novas vías de colaboración para o sector cultural nestes tempos de incertidume.