A Deputación ourensá deberá agardar un ano para saír do Consorcio do Festival de Cine

Os estatutos da entidade establecen un preaviso para a separación dun membro

O concello dunha banda e a Deputación da outra son as dúas entidades que conforman o Consorcio Internacional Festival de Cine de Ourense. A Deputación aprobou no pleno do pasado venres deixar de achegar os 90.000 euros anuais para a celebración desa cita. Con todo, desde o Consorcio do Festival de Cine de Ourense non teñen constancia oficial desa decisión que, tal e como confirmaron fontes da Deputación sería efectiva para 2012. Sen embargo, o artigo 20 dos estatutos da entidade establece que a “separación dalgún dos membros do Consorcio poderá facerse cun aviso previo dun ano, sempre que non se prexudiquen os intereses públicos xerais que representa o Consorcio”.

O consello reitor do Consorcio celebrou onte un pleno no que figuraba na orde do día a a presentación da Memoria de Actividades 2011 e a “Viabilidade da institución perante o anunciado cese de colaboración orzamentaria da Deputación Provincial no exercicio 2012”. Sen embargo, o pleno foi moi breve e non se abordou o punto terceiro. A análise da situación quedará para o vindeiro pleno preivsto para o mes de febreiro, no que se deberá aprobar tamén a proposta de actividades para o ano 2012. A presidenta do Consorcio e concelleira de Cultura de Ourense, a nacionalista Isabel Pérez, apoia “inequivocamente a continuidade dun evento considerado patrimonio cultural da cidade”.

Recortes na Deputación
O pleno da Deputación de Ourense celebrado o pasado venres, tamén serviu para aprobar a saída da entidade no Consorcio Audiovisual de Galicia. Unha decisión que será efectiva para o ano 2013, tal e como establecen os estatutos desta entidade.
Estatutos do Consorcio Internacional do Festival de Cine de Ourense.