Dinamizar un museo baleiro

A dinamización cultural serve para reivindicar a apertura do Museo Galego do Viño en Ribadavia

É sabido que existen no noso país diferentes proxectos de museos e centros culturais que, por un motivo ou outro, permanecen sen actividade. Entre eles está o Museo Galego do Viño, pendente de apertura en Ribadavia desde hai dous anos. Para reivindicar a súa posta en marcha, a Asociación de Amigos do Museo Etnolóxico e do Conxunto Histórico de Ribadavia iniciou este ano unha serie de accións para dar a coñecer o futuro centro e mais a súa situación. Visitas guiadas, presenza na rede e, en breve, unha exposición, son algunhas das propostas coas que traballan.

O Museo Galego do Viño (MGV) naceu como o proxecto dun centro especializado na cultura tradicional relacionado co cultivo da vide e a elaboración deste produto, a súa pegada no territorio e o patrimonio material e inmaterial relacionado con esta cuestión. O novo centro dependerá do Museo Etnolóxico de Ribadavia (á súa vez xestionado desde a Consellaría de Cultura) e estará situado no mesmo concello, en concreto na Reitoral de Santo André de Camporredondo. Aínda que estaba previsto que o centro abrise as súas portas xa a comezos de 2010, a falta de investimentos para realizar a montaxe museográfica ten desde aquela paralizado o proxecto. Segundo lembra Xosé Carlos Sierra, director do Museo Etnolóxico, “logo de dous anos de parálise, a Asociación de Amigos do Museo Etnolóxico e do Conxunto Histórico de Ribadavia, auxilida informativamente por técnicos do Museo e sectores sociais da Comarca e de Ourense” iniciou contacto coa Xunta para “manifestar o seu desacougo diante do horizonte que se albiscaba”

A dinamización
Logo dos requerimentos sen resposta á Consellaría de Cultura, os defensores deste proxecto mudaron a súa estratexia, e neste 2011 botaron a andar unha serie de accións de difusión do Museo. Con estas iniciativas, por unha banda, pretendían dar a coñecer o patrimonio que motiva a creación do futuro centro e, ao tempo, conseguir apoios populares para a súa reivindicación. Deste xeito naceu o blog http://aproldomuseo.wordpress.com, así como un perfil de Facebook, que conta nesta altura con 463 amigos, dedicado ao mesmo obxectivo. Novas, anuncios de actividades, documentación e recollida de sinaturas de apoio son algúns dos contidos que se poden atopar nestes espazos. Na temporada de verán, e a aproveitar o interese que observaron polo proxecto, o Museo Etnolóxico, en colaboración coa Asociación de Amigos e o Concello de Ribadavia, comezou no primeiro trimestre deste 2011, a organizar unha serie de visitas guiadas á futura sede do centro. Segundo explica Xosé Carlos Sierra, nas mesmas “mostrábase a singularidade arquietectónica do edificio e a paisaxe da contorna e explicábase o proxecto museográfico” con apoio multimedia. En total foron 20 visitas que se desenvolveron ata o mes de outubro cun grande éxito de participación. A partir deste feixe de propostas conseguiron xa, e para alén dos apoios virtuais, máis de dúascentas sinaturas a apoiar a apertura do MGV, na súa maior parte de persoas que visitaron a reitoral de Santo André.

Traballo en marcha
A seguir con esta liña de traballo, desde o Museo Etnolóxico están a preparar “unha pequena exposición sobre o proxecto arquitectónico e museográfico o MGV, que intentamos ter preparada para os vindeiros meses”. Ademais “está a piques de saír do prelo un libro sobre catalogación dunha escolma de fondos da colección vitivinícola do Museo Etnolóxico, que se integrarán na exposición do MGV e que constitúe o número 1 dunha serie monográfica”. Estas serán só as primeiras de toda unha serie de accións que tanto o Etnolóxico como a Asociación de amigos queren desenvolver ao longo de 2012.Mentres, no Museo continúan co traballo de obtención e traslado de pezas para fondos do futuro centro e na revisión do proxecto museográfico.

A reitoral baleira
Mesmo sen contidos, a reitoral de Santo André ten moito para amosar. “Posúe unha arquitectura clasicista de finais do XVIII particularmente fermosa e cunha presenza impoñente na paisaxe”, explica Sierra. O edificio funcionou como priorado no Ribeiro do mosteiro de San Martiño Pinario de Compostela, e era o responsable de surtir de viño este cenobio. “No seu interior garda estruturas vinícolas que constitúen as pezas raíñas do MGV. Hai cinco grandes lagares, unha construción con ernomes arcadas e unha adega-cova escavada na rocha que descende baixo a terraza e o propio inmoble, conformada por 2 galerías. Está reforzada por un arco-corredor que abria todos os visitantes. O inmoble seduce por si mesmo”.

Os contidos que virán
O proxecto, segundo explica Sierra, “incide na consideración do territorio como soporte do discurso e como elemento clave para comprendermos as variables que configuran unha sociedade vitivinícola”. Como se foi constituíndo a paisaxe do Ribeiro mediande a acción do home para favorecer o cultivo das vides. “A colonización vitícola do Medioevo crea os fundamentos territoriais e sociais propios destas paisaxes e tanto terras como homes ``desnaturalizan´´ a base territorial de partida para ``humanizala´´ e conformar un espazo novo e singular”, sinala. Á pegada histórica súmase a atención a todos os aspectos relacionados coa produción de viño. “tanto os que inciden na apropiación social do produto como na distribución, comercio e consumo”. Deste xeito, o programa museográfico contempla apartados como as modalidades no consumo de viño, as crenzas e modas vencelladas a esta, a introdución de coñecementos científicos modernos no proceso de elaboración e cultivo ou mesmo o saber popular sobre estas cuestións.

Pasos desde atrás
A historia do MGV vén de longo comeza xa en 1996, cando o Etnolóxico de Ribadavia comeza as negociacións para conseguir que o arcebispado ceda á Xunta da Reitoral de Santo André con vistas a instalar alí o novo equipamento. No 97 asinouse o convenio, entre 2003 e 2004 desenvolvéronse as liñas museolóxicas xerais e realizáronse diferentes estudos xeográficos, antropolóxicos, historiográficos, filolóxicos e agronómicos para complementar o proxecto. En 2005, unha vez superados os pertinentes concursos e proxectos, a Consellaría de Cultura acordaba iniciar as obras de rehabilitación arquitectónica da reitoral con vistas a adaptala á súa futura función. En total foron 1.150.000 euros os que se investiron neste proceso. Canda a isto tamén se encargou a elaboración do proxecto museográfico do centro (150.000 euros) que a empresa E-Burbulla elaborou ao longo dese ano e que foi supervisado polo Museo Etnolóxico. Naquel documento, aprobado xa daquela, prevíase un prazo de nove meses para o equipamento do centro e a súa apertura, para o que cumpría un investimento de 1.551.000 euros. Segundo lembra o director do Museo de Ribadavia o proxecto implicou “16 anos de traballo constante e ininterrumpido” no que se inclúe desde a elaboración do proxecto e as reformas ata a adquisición de novos fondos temáticos desde o centro que dirixe, ou a catalogación e incorporación de bibliografía específica á biblioteca do mesmo.

O tempo corre
Para alén do deterioramento que, asegura Sierra, está a sufrir o edificio desde a súa entrega, o tempo corre para finalizar o proxecto. O convenio polo que a reitoral está dispoñible limita o seu emprego a este fin e remata en 2018. ”Nese momento o centro debería estar funcionando e enténdese que entón se asinaría unha prórroga, un novo convenio ou unha cesión do edificio”, lembra o director do Museo Etnolóxico. Se en seis anos non se acada que o proxecto bote a andar, a reitoral, con todo o investimento que se realizou na súa rehabilitación, voltaría con toda probabilidade ás mans da Igrexa, e todo o traballo de planificación e compilación de fondos ficaría desperdizado. Sierra cifra nun total de 1.372.000 euros a contía do investimentos xa executados no proxecto e lembra que “falta un terzo do traballo para rematar”.

Pendente
Nese terzo de labor pendente entra licitar e adxudicar a montaxe museográfica prevista, adaptar algúns espazos da reitoral e adquirir un viñedo próximo á mesma, con vistas a realizar unha musealización viva de varios aspectos da viticultura. Malia a que o director de xeral de Patrimonio manifestou, durante unha visita á reitoral de Santo André, unha actitude positiva de cara á conclusión do proxecto, a ausencia de partidas destinadas ao mesmo nos orzamento da Xunta para o ano 2012 fan que os defensores da iniciativa sexan pesimistas en canto a unha posible resolución rápida da parálise. Dáse ademais o paradoxo de que a coincidir coa parálise desde proxecto, o Goberno Galego acordaba destinar “preto dun millón de eursos a outra iniciativa paralela na localidade de San Clodio (Leiro), a só cinco quilómetros de Santo André, unha iniciativa que carecía de todo o traballo previo do MGV nin tiña plan museolóxico nin proxecto museográfico”. Mentres non se concreta a posta en marcha deste equipamento, queda a opción de se achegar a Ribadavia para coñecer esa sede baleira e as actividades que se están desenvolver arredor dun museo que, polo momento, no existe mais que no papel.