Manolo Paz, Quico Cadaval ou Rogelio Groba, entre os galardoados cos Premios da Cultura Galega

Os galardóns non teñen remuneración económica

Son os galardóns máis destacados da cultura galega. Creados polo bipartido, modificados (perderon a etiqueta de nacionais máis a dotación económica, así como reduciron o número de premios) polo actual goberno recoñecen os mellores creadores do país. Nesta ocasión, os gañadores son Arcadio López Casanova na categoría de Letras, Manolo Paz en Artes Plásticas, Quico Cadaval en Artes Escénicas, a Fundación ‘Aquae Querquennae’ na de Patrimonio Cultural, Carlos Núñez en Promoción Cultural de Galicia, Rogelio Groba en Música e María Pujalte en Creación Audiovisual.

O xurado estivo integrado polo propio Conselleiro de Cultura, o presidente do Consello da Cultura Galega, o da Real Academia Galega, o da Real Academia de Belas Artes, o director xeral do Libro e catro profesionais "de recoñecido prestixio" designados pola Consellería (Miguel Fernández Cid, Natalia Lamas, Isabel Aguirre e Carmen Castro Pombo). Estes doce membros deliberaron a súa decisión nunha xuntanza celebrada o 2 de novembro na Cidade da Cultura, entre as candidaturas presentadas (os premiados non se pudieron postular a si mesmos, senón que foron promovidos por institucións e entidades culturais ou profesionais relacionados co obxecto de cada premio). Na convocatoria do Premio especifica que os galardóns serán entregados nun acto público organizado pola Consellaría de Cultura que a nota de prensa non especifica nin lugar nin data de entrega.

Este é o seu perfil dos premiados segundo a nota de prensa remitida pola Consellaría de Cultura.

- O escritor lucense Arcadio López Casanova é o galardoado co premio Cultura Galega das Letras en recoñecemento á súa traxectoria e á súa extensa produción en lingua galega e castelá.

- O escultor cambadés Manolo Paz recibe o premio Cultura Galega das artes Plásticas polo seu traballo creativo, a forza das súas creacións e pola nova mirada que fai sobre as tradicións.

- O premio Cultura Galega das Artes Escénicas recae no dramaturgo Quico Cadaval, en recoñecemento ao seu traballo en prol do impulso e constante actualización do teatro galego e á súa labor como director.

- A Fundación ‘Aquae Querquennae’ resulta distinguida co premio Cultura Galega ás Iniciativas en prol do Patrimonio Cultural, polo traballo desenvolvido no xacemento ‘Aquis Querquennis’, situado en Bande e que ten como finalidade a posta en valor dos recursos naturais, etnográficos e turísticos.

- O premio Cultura Galega á Promoción Cultural de Galicia recoñece a Carlos Núñez por ter feito da gaita un extraordinario instrumento para a expresión e difusión da cultura galega dentro e fora das fronteiras da comunidade autónoma.

-O compositor Rogelio Groba recibe o Premio Cultura Galega de Música pola súa extensa traxectoria e por ser un dos máis prolíficos compositores galegos e pola enorme relevancia do seu traballo compositivo.

-O premio Cultura Galega de Creación Audiovisual distingue á actriz María Pujalte en recoñecemento á súa importante carreira profesional desenvolvida no cine, na televisión e no teatro.