Adíase a decisión sobre a continuidade das obras da Cidade da Cultura

As actuacións no complexo do Gaiás teñen só 7,9 millóns de euros nos orzamentos para 2012

| Santiago. Redacción | Seccións: Cidade da Cultura
Compartir:

O pasado mes de marzo anunciárase xa un adiamento ata 2014 nas obras dos dous edificios da Cidade da Cultura pendentes de rematar, o Centro de Arte Internacional e o Teatro da Ópera. Esta fin de semana o conselleiro de Cultura, Roberto Varela, sinalaba nunha entrevista a La Voz de Galicia que a conclusión destes edificios ficará a expensas da situación económica. Segundo sinalou ao xornal coruñés, os mesmos "continuarán pospostos ata que chegue un tempo que permita plantexar a reflexión de continualos ou non", co que abre a posibilidade de que o polémico complexo do Monte Gaiás quede finalmente incompleto.

A apoiar esta idea, a edición galega de El País publicaba o pasado sábado a nova de que o presidente da Xunta, Alberte Núñez Feijóo e mais o conselleiro de Cultura, Roberto Varela, levan semanas a valorar a posibilidade de suspender a conclusión da Cidade. A apoiar esta hipótese está o feito de que nos orzamentos para 2012 unicamente se destinan 7,9 millóns de euros a obras e equipamento dos edificios do Gaiás, continuando unha tendencia decrecente que xa se iniciou hai varios anos.

Mentres se debate o futuro deste espazo, o Museo de Galicia abrirá para visitas guiadas o vindeiro 2 de novembro, malia a que aínda carece de contidos. O edificio estará aberto todos os días agás o luns e poderá verse previa cita no web da Fundación Cidade da Cultura. Está previsto que a súa inauguración se realice a vindeira primavera coa exposición Gallaecia Pétrea.

Que che parece esta nova?
33 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Gaiás, Roberto Varela, Teatro, Ópera...