Medra a adquisición non legal de música en Galicia

Só un 8 por cento da poboación mercou música de xeito legal no bienio 2010-2011

O número de persoas que merca música "con marca", é dicir, legal, en Galicia, caeu no bienio 2010-2011 ata o 8% da poboación, fronte ao 19,3% do período 2006-2007. Así o asegura a explotación que realiza o Observatorio da Cultura do Consello da Cultura Galega da Encuesta de Hábitos y Prácticas Culturales en España 2010-2011, publicada polo ministerio de cultura.

A importancia de Internet e da adquisición de edicións piratas en postos de ambulantes, no entanto, resulta relativamente pequena, xa que unicamente o 7,8% da poboación non mercou con marca e recorreu a estes medios para conseguir música, mentres un 84,2% nin mercou nin empregou estoutros sistemas.

Ao tempo, obsérvase que a xente que merca música de xeito legal recorre pouco á descarga e á venda ambultante, xa que só un 2,3 por cento da poboación opta por esta combinación, mentres o 5,8% restante opta aparentemente pola legalidade total e non descarga nin merca pirata.

Con estes datos Galicia sitúase cunha maior incidencia da piratería do que o conxunto do estado, onde é un 11,4% da poboación o que opta pola adquisición legal de música. Do mesmo xeito, tamén se percibe unha maior incidencia a nivel estatal da descarga de música por Internet e do mercado ambulante, cunha media do 18%.

Débese ter en conta, no entanto que o estudio non recolle copias de amigos ou outros xeitos de obter música.