A luz sobre a ilustración

Un estudo da Universidade de Vigo cataloga o traballo dos ilustradores galegos do comezo do século XX

Ilustración de Francisco Miguel (1923)
Ilustración de Francisco Miguel (1923)
Asociamos os seus traballos un dos períodos máis efervescentes da historia do país. A Xeración Nós, a preguerra ou os primeiros intentos vangardistas en Galicia están codificados a nivel icónico a través de ilustracións, antes que mediante fotografía. No entanto, ata o momento non existían apenas traballos sistemáticos sobre este campo. Agora, a editora Duen de Bux presenta La ilustración gráfica en Galicia 1880-1936 unha escolma do traballo de investigación que dirixe María Victoria Carballo-Calero na Universidade de Vigo que está tamén dispoñible na rede.

No comezos do século XX aínda estaba a se integrar a impresión da fotografía na prensa galega, e no que a importancia das ilustracións era moi superior ao que podemos ver hoxe. Retratos, escenas alegóricas, representacións do texto, elementos decorativos para a páxina ou mesmo cadriños de humor gráfico supuñan o groso da imaxe nas publicacións do país. No caso concreto de a La ilustración gráfica en Galicia 1880-1936, a investigación que desenvolveu o grupo AH2 do Departamento de Historia, Arte e Xeografía da Universidade de Vigo recolle desde ilustración literaria ata anuncios publicitarios ou mesmo elementos humorísticos que estaban presentes nestas publicacións. A publicación que agora vemos en formato libro e mais como catálogo en liña xurdiu como un proxecto do Ministerio de Cultura. O que se pode publica agora en libro é unha selección do traballo que se desenvolveu durante tres anos, nos cales se catalogou e dixitalizou este pouco coñecido legado, mentres o web amplía estes contidos. Segundo explica María Victoria Carballo-Calero, investigadora principal do proxecto, “atopamos sorpresas e catalogamos moitísimos ilustradores que non se coñecían e que traballaban entón”. En xeral, segundo ela, “o traballo de ilustración está pouco recoñecido. Hai quen investiga sobre isto desde universidades pero está pouco recoñecido. Agora hai xente que olla o libro e fica sorprendida porque non coñecía nada máis que Castelao ou Seoane, e hai moitos máis”.

Anos de traballo
Foi precisamente o traballo previo da propia Carballo-Calero encol da ilustración o que permitiu agora desenvolver esta rápida catalogación e clasificación das preto de quiñentas ilustracións que se poden consultar na rede. Esta catedrática de Historia da Arte xa publicara en 1983 o primeiro libro no noso país sobre este tema. Centrado na Nós, o seu traballo vai ser reeditado en breve. “Daquela non se coñecían ilustradores salvo Castelao e Seoane. A partir de entón comecei a traballar sobre a ilustración e fun sacando diferentes traballos que fan parte deste mesmo catálogo. Cando entrei na Real Academia de Belas Artes traballei sobre a revista Vida, con posterioridade mirei os ilustradores en Alfar. Agora repartín partes entre os diferentes investigadores e realizamos un compendio destes traballos, pero foi máis sinxelo porque na maior parte dos casos xa sabiamos onde atopar as publicacións orixinais”. Canda ás mentadas, a obra recolle traballos publicados en Alborada, Luz ou Gráfica, así como o traballo de ilustración presente na colección Lar ou nas edicións de Céltiga. Ademais pódense atopar textos que analizan a situación das artes gráficas entre o 1920 e 1936. Tamén se desenvolve un capítulo específico sobre ilustración do libro.

Descubertas
“Catalogamos moitísimos ilustradores dos que non se sabía nada, achegando os datos de cada un nunha ficha”, sinala esta investigadora. Ata 94 nomes aparecen referenciados na lista que se pode consultar na rede, se ben non todos son galegos. Atopamos así nomes sobradamente coñecidos da historia da arte internacional como son Salvador Dalí ou Max Aub, cuxos traballos foron reproducidos na prensa galega da época. Canda a eles, chama a atención a presenza de nomes que non se vencellan especialmente ao traballo da ilustración, como é Vicente Risco ou Xaquín Lorenzo, entre outros. Canda a eles, a investigación recupera traballos de boa parte dos principais artistas plásticos da época, como os xa mentados Seoane e Castelao, Maside, Colmeiro, Álvaro Cebreiro, Camilo Díaz Baliño ou Sotomayor entre moitos outros. O traballo destes autores estaba fundamentalmente vencellado a revistas e libros, nos que era habitual o emprego de ilustracións tanto na capa como no interior. “Nalgúns casos traballaban con moi poucos medios. Seoane, por exemplo, facía as portadas dos libros de Cunqueiro nesta época porque eran amigos.Tamén Castelao facía as de Cabanillas, era algo bastante común. E logo ás veces as ilustracións teñen relación co texto e outras veces non”, lembra esta investigadora. No entanto, era nas revistas onde se percibe mellor a vontade de experimentación dos creadores.

Artistas internacionais
Coa investigación que coordina, a profesora Carballo-Calero quere amosar a conexión internacional dos ilustradores galegos da época. “Entre o 20 e o 36 moitos destes artistas estaban nun contacto contínuo coa vangarda de Madrid. Había moitas revistas que viñan de fóra e que se lían en Galicia, aínda que non é algo moi coñecido. Recollemos cartas da época co Gómez de la Serna, Rafael Barradas, ou Torres García, que eran a vangarda en Madrid”. A pegada da vangarda déixase sentir especialmente nos traballos para as múltiples revistas que se editaban no noso país naquel momento. “Sorprende o que se atopa nelas. É unha avanzada de todo o que se fai a nivel artístico. Todo o mundo pensaba que as ilustracións da época entraban no campo do rexionalismo, e, aínda que hai parte de autores que si, tamén hai vangarda pura e dura”.

Calidade e experimentación
Racha así mitos e destaca a calidade das publicacións que se facían no noso país. “As revistas dos anos 20 en Galicia poden porse á altura das que se editaban en Madrid”, sinala esta profesora. “Había conexións e cómpre estudalas no seu contexto. Parecía que aquí todo funcionaba arredor do círculo máis achegado á revista Nós, pero é moito máis”. En relación con isto, a investigación amosa a dualidade de estilos que se daba nalgús pintores. “Había creadores como Álvaro Cebreiro que tiña cadriños e ilustración para Ronsel, por exemplo. E na pintura é máis prudente. Hai que pensar que os cadros eran para vender, e o que facían nas revistas era máis libre e facíano por gusto”, o que fai destas publicacións un campo especialmente acaído para observar a pegada das vangardas no país. A experimentación, para alén do formal, chega tamén ao aspecto técnico, sempre dentro das limitacións das artes gráficas da época. “Hai serigrafías, mesmo de autores estranxeiros, litografías, e moito linóleo”. Do mesmo xeito, a nivel artístico os traballos catalogados “van desde un modernismo máis ou menos decorativo ata unha ruptura total, con mostras de vibracionismo, postcubismo ou futurismo”.

Camiños abertos
A investigación remata agora en decembro, e o grupo está pendente obter novo financiamento para poder continuar cun traballo que pretenden ampliar ao resto do século XX. “Queda do 36 para aquí. As bases están recollidas, non está todo porque quedan aínda moitas publicacións que revisar”. No entanto, a profesora é optimista sobre a continuidade dos traballos neste campo. “Teño unha alumna traballando especificamente na revista Alfar e tamén sobre a publicación A zarpa, hai moitos camiños abertos”, lembra.

Galería: <i>A ilustración gráfica en Galicia 1880-1936</i>

Galería: A ilustración gráfica en Galicia 1880-1936

Méndez Domínguez, Manuel. Capa para Alfar, número 37. Febreiro de 1924.Fonte: http://www.ilustracionengalicia.es

<i>Fornada</i>. Torres, Manuel

Fornada. Torres, Manuel

Cristal, número 9. Marzo de 1933 21x15 cm, Linoleo Fonte: http://www.ilustracionengalicia.es

<i>Cirque</i>, de Alonso Fuentes, José Luís.

Cirque, de Alonso Fuentes, José Luís.

Cristal número 7. Xaneiro de 1933 24x16 cm, Linoleo Fonte: http://www.ilustracionengalicia.es

Capa da colección <i>Lar</i>. Díaz Baliño, Camilo

Capa da colección Lar. Díaz Baliño, Camilo

O home que deu vida a un morto. Número 21, 1926 16x11 cm, Debuxo a cor Fonte: http://www.ilustracionengalicia.es

<i>Aldeanas de Lugo</i>. Norah Borges.

Aldeanas de Lugo. Norah Borges.

Alfar, número 49, Abril, 1925 16x15 cm, Xilografía Fonte: http://www.ilustracionengalicia.es

Capa de <i>Alfar</i>. Fernández Mazas, Cándido.

Capa de Alfar. Fernández Mazas, Cándido.

Alfar, número 35. Decembro de 1923. 14x10 cm, Debuxo a cor. Fonte: http://www.ilustracionengalicia.es

<i>A síntese do crime</i>. Seoane López, Luis

A síntese do crime. Seoane López, Luis

Nós, número 121, , 18x11 cm, Debuxo a branco e negro. Fonte: http://www.ilustracionengalicia.es

Capa de <i>A terra asoballada</i>. Castelao, Alfonso Rodríguez

Capa de A terra asoballada. Castelao, Alfonso Rodríguez

1926 17x13 cm, Debuxo a branco e negro Fonte: http://www.ilustracionengalicia.es