Ciencia para todos en 3D

O proxecto Divulgare.net leva a ciencia á rede mediante animacións dixitais desde Vigo

Estamos afeitos a ter a idea de que os filmes de animación con figura feitas en tres dimensións son producións caras que só están ao alcance de estudios profesionais ou de afeccionados con moito tempo libre. No entanto, o grupo de investigación de Ecoloxía e Evolución de Plantas da Universidade de Vigo están empeñados en desterrar esta idea, e levan preto dun ano publicando no web Divulgare.net os seus traballos neste campo, un novidoso proxecto didáctico que dá a coñecer de xeito gráfico e sinxelo as súas investigacións.



“Cando publicamos os nosos traballos en revista científicas estamos a chegar ao mellor a sesenta persoas en todo o mundo que están a traballar na mesma materia que nós”, explica Luís Navarro, profesor deste grupo. “Temos constancia que máis de vinte mil persoas viron os nosos videosn un ano. É certo que é unha información moito máis sintética, pero conseguimos chegar a mita xente, nun lapso de tempo pequeno”. Na perspectiva destes científicos, está a idea de voltar á sociedade o investimento que reciben para as súas investigacións. “O noso traballo facémolo cos fondos públicos, e parécenos que este traballo non revirte no conxunto da sociedde senón só en grupos pequenos de científicos, e se volta á sociedade é só unha pequena parte de todo o labor e chega despois de moitos anos. Dándolle voltas a isto pensamos que pagaba a pena tentar abrir ao público esta información que antes quedaba reducida ao ámbito científico”, conclúe este biólogo.

A producións
O temas que aborda o grupo de Ecoloxía e Evolución de Plantas nas súas producións explican en boa medida o seu éxito. “Traballamos sobre todo cuestións relacionadas coa Ecoloxía, e dentro disto centrámonos nas interaccións entre organismos”, lembra Navarro. Baixo este ampla paraugas explícase que mediante o web Divulgare.net entren os títulos O mexillón cebra (Dreissena polymorpha) como especie invasora, A importancia dos lagartos nos ecosistemas insulares a Utilización de boias de deriva para o seguimento de vertidos mariños e Estratexias adaptativas: Hipótese da "Alarma contra ladrones que se centra en fenómenos de bioluminiscencia. Canda a estas producións de animacións en 3D dispoñibles no web, o grupo tamén desenvolve animacións máis convencionais en flash, coas que tratan cuestións como o perigo do visón como especie invasora ou a evolución dos cráneos dos morcegos en función da súa alimentación. A completar a oferta, o grupo desenvolve o web MiniEcosistemas unha revista virtual didáctica que propón contidos e activides sobre cuestións como os cambio climático, a biodiversidade, as especies invasoras, a contaminación e a restauración de ecosistemas.

Invasiones biológicas: el caso del visón americano, de Divulgare.net


As vantaxes do 3D
Encol das razóns que os levaron a apostar pola animación como un dos medios fundamentais para dar a coñecer o seu traballo, Navarro explica que sinte “un certo arrepentimento por terme metido nisto. Dá moitísimo máis traballo, pero tamén máis satisfaccións”. Antes de definir o xeito no que divulgar os seus estudos, no grupos analizaron as técnicas dispoñibles e “vimos que Internet daba xogo para traballar con este tipo de tecnoloxía e que nos daba moito xogo para amosar calquera tipo de proceso”. O tracto dixestivo dun animal, detalles dos mesmos ou momentos concretos do comportamento dunha especie son, malia ao moitro traballo que esixe a recreación, moito máis sinxelos de amosar do que mediante filmacións convencionais. “En vídeo normal hai cousas que só pode facer a BBC ou National Geographic, que teñen xente un ano no Polo Sur para gravar unha secuencia de dez segundos de pingüinos. Nós podemos amosar con isto o paso de semente por un tracto dixestivo ou representar o paso do tempo. O 3D é unha ferramenta de divulgación estupenda”. De cara a conseguir manter a atención, procuran concentrar os seus coñecementos nun tempo máximo de cinco minutos por cada produción.

O tempo e os recursos
O feito de que o grupo continúe a desenvolver o seu traballo de investigación ao tempo que aposta pola divulgacion dun xeito tan decidido explícase mediante unha alta dose de voluntarismo dos seus membros. “É case ás dúas da mañá cando comezamos a traballar nestas cousas, polo xeral”. E é que desde o modelado virtual de figuras, ao guión ou á animación, todo os labor destas producións recae sobre os membros do equipo. “Temos a fortuan de ter entre nós un crack como é Iván Rodríguez Arós, que é o home orquestra para isto”, sinala Navarro. Á hora de obter os inevitables recursos económicos para estas producións, o grupo conseguiu o apoio da Fundación Española Ciencia y Tecnología (FECYT) e mais do organismo de Parques Nacionales. “Para nós o ideal é que as estes produtos se poida acceder de balde por Internet. Podería montarse unha empresa para facer isto, pero eu son partidario de manter algo público, relacionado coa base dos estudos pagados con cartos dos contribuíntes e fechar ese círculo facilitando o acceso”.

Proximamente nas súas pantallas
Entre as vindeiras producións que nos vai achegar Divulgare.net, está un novo video sobre o efecto de ceibar gatos en ecosistemas insulares, neste caso ambientado na Illa de Ons, e outro que pretende pór en valor as pradeiras submarinas da alga posidonia, no Mediterráneo. Canda a isto, Navarro traballa coa idea de ampliar a iniciativa de xeito que o traballo de Divulgare.net poida revertir na difusión de investigacións do conxunto da Universidade de Vigo. “Estamos a formar máis xente coa idea de montar un obradoiro máis potente de divulgación científica que nos permita facer cousas a maiores, a nivel da universidade. Estamos tentando conseguir axudas para ampliar o proxecto e que poida chegar a máis xente”, conclúe. Tamén teñen como tarefa pendente o facer unha versión en galego das súas producións, un tema no que están a traballar.

A importancia dos lagartos nos ecosistemas insulares de Divulgare.net

A importancia dos lagartos nos ecosistemas insulares from divulgare on Vimeo.