Lugo quere contar cun museo de arte contemporánea local

O primeiro paso será a localización do espazo para albergalo

O tenente alcalde do concello de Lugo, Antón Bao (BNG) anunciou onte o inicio das xestións para a creación dun Museo de Arte Contemporánea en Lugo, que deberá desenvolverse nestes catro anos de goberno. A proposta ía no programa electoral do BNG nestas eleccións e mantívose no pacto de goberno subscrito entre PSOE e Bloque tras as últimas eleccións municipais. O proxecto consistiría basicamente nun centro con dúas partes diferenciadas: unha exposición permanente de artistas lucenses recoñecidos e outra, un espazo aberto a exposicións temporais. Fontes da Concellería de Cultura sinalaron que a primeira fase é a procura do espazo idóneo para albergar este centro de arte contemporánea, que podería ser no novo Museo Interactivo de Historia da Cidade, no Cárcere Vello, que está en proceso de reforma a través do plan Urban para fins culturais ou na sala de exposicións Porta Miñá. O financiamento do proxecto aínda tamén está en fase de estudo.