A Mostra de Teatro de Cangas achega 14 espectáculos na súa 28 edición

Compañías de Chile, Arxentina e Bélxica participan no evento que se desenvolve 1 ao 9 de xullo

Cartel da 28 Mostra de Teatro Cómico e Festivo de Cangas
Cartel da 28 Mostra de Teatro Cómico e Festivo de Cangas
Entre os vindeiros días 1 e 9 de xullo a Mostra de Teatro Cómico e Festivo de Cangas chega á súa 28 edición. O evento conta nesta ocasión con 14 espectáculos que se distribuirán entre as rúas da cidade, o Auditorio Municipal e mais o local Salasón. Segundo sinalou Antón Lema, coordinador da Mostra, no programa destaca a presenza de compañías como La Mona Ilustre, de Chile, El Rayo Misterioso, de Arxentina, e mais Joseph Collard de Bélxica. O sábado 9 ás 22:30 entregaráselle a Ana Romaní o premio Xiria en recoñecemento ao seu traballo de difusión das artes escénicas desde a radio.

Entre as compañías galegas que participarán no evento, sobresae O frigo, unha coprodución de Mundo Villalustre, La Tía Mardalina e Teatro Nu que achega o monólogo interior dun home que fai 50 anos. Pola súa banda, Paula Carballeira e Suso Cortegoso fan unha aposta polo musical con A pata de mono.

O programa inclúe tamén a celebración das XI Xornadas da Muller, que reflexionará sobre a violencia de xénero e achegará as obras El Refugio de La Rous e mais a coprodución hispano-italo-serbia El Espejo Cambiante. Haberá tamén dous cursos da Asociación de Actores de Actrices, centrados na voz e mais na sua relación co corpo, canda ao primeiro encontro da Asociación de Mostras e Festivais de Teatro de Galicia, que se celebrará

A exposición Teatralmente centrada en vestiario e maquetas para teatro de Carlos Alonso e mais a mostra de orixinais da obra Hamster, a adaptación coa que Diego Campos gañou o último certame de BD sobre teatro, completan o programa do evento.
Programa da 28 Mostra de Teatro de Cangas.