A xunta de accionistas do Instituto Galego de Información (IGI ) acordou onte por maioría e con algúns votos en contra a disolución e liquidación da sociedade con sede no barrio de San Marcos en Compostela. A empresa, pertencente ao Grupo Sargadelos , protagoniza así outro capítulo na historia de enfrontamentos que veñen sucedéndose desde o ano 2003 entre un dos fundadores de Sargadelos, Isaac Díaz Pardo, e un grupo de accionistas maioritarios. A disolución acordouse a proposta do Consello de Administración que preside Ángel Vázquez Mosquera dado que non prosperou a ampliación de capital a 750.000 euros ante as perdas da empresa, segundo informa La Voz de Galicia. Díaz Pardo non asistiu á asemblea de accionistas de onte. O proceso de disolución e liquidación presúmese longo e implicará a venda do edificio no que tiña a sede e no que viviu Isaac Díaz Pardo ata foi desaloxado do mesmo en xaneiro de 2010. No ano 2008 a Xunta do bipartito fixo unha oferta de 4 millóns de euros polo 75% das accións do IGI que foi rexeitada polos accionistas que pretendían negociar mellor e con outros compradores. Os fondos culturais que Díaz Pardo tiña no instituto foron obxecto dun convenio entre el a Xunta para que se depositasen na Cidade da Cultura.