A guía AGPI 2011 ofrece un panorama da ilustración galega

O volume distribúese en editoras, produtoras e empresas de publicidade

Un catálogo que permita dar a coñecer brevemente o traballo dos ilustradores galegos. Esta é a propsota da Guía que publica a Asociación Galega de Profesionais da Ilustración e que acaba de ver a luz na súa segunda edición. Segundo explica Santy Gutiérrez, presidente deste colectivo, "a guía naceu con vocación de anuario. Tiramos a primeira en 2009, en 2010 non nos foi posible polos recortes orzamentarios xeralizados, e agora agardamos poder sacar tamén a de 2012". No interior, unha páxina para cada un dos 110 creadores seleccionados entre os membros da Asociación.

"No anterior ano había 70 creadores con dúas páxinas cada un. Ao haber só unha páxina por cabeza tamén tiveron que seleccionar máis os traballos e mellorou a calidade media da Guía", explica Gutiérrez. Logo da presentación oficial, o pasado 13 de maio na Festa do Libro da Coruña, comezou a distribución do volume que xa chegou á totalidade das editoras galegas así como a produtoras audiovisuais e axencias de publicidade, entre outras empresas. Ademais, o catálogo irá tamén ás principais firmas deste tipo a nivel estatal e distribuirase nas feiras internacionais nas que estea presente a asociación.

Á luz desta obra, Gutiérrez referenda o bo estado xeral da Ilustración galega. "A nivel artístico mantense a tendencia dos últimos anos, estamos entre o melloriño a nivel estatal. Destacaría, iso si, que cada vez hai máis xente nova que se asocia, e que en xeral mellorou a profesionalidade dos creadores. A xente esixe contratos mellores e peléxanse máis os dereitos".
Guía AGPI 2011.