Cultura incorpora 33 megálitos con arte rupestre ao rexistro de Bens de Interese Cultural

Estes bens xa estaban protexidos pola Lei do Patrimonio estatal

Aínda que a Lei de Patrimonio estatal, de 1985, xa declaraba por defecto Ben de Interese Cultural calquera mostra de arte rupestre, no noso país aínda non se fixera o catálogo completo destes bens. Hoxe, o diario oficial de Galicia publica unha listaxe dos 33 depósitos megalíticos con pinturas deste tipo que se incorporan ao Rexisto de Bens de Interese Cultural da Comunidade. En total son 28 cámaras megalíticas e 5 pedras fitas.

**** Listaxe completa de xacementos megalíticos con arte rupestre. Nota da Consellaría de Cultura****


Na provincia da Coruña enuméranse as cámaras megalíticas da Arca do Barbanza e da Casota do Páramo en Boiro; a Anta da Mina de Parxubeira en Mazaricos; a Cova da Moura ou Dolmen de Argalo en Noia; o Forno dos Mouros en Toques; a Casa dos Mouros ou Pedra da Arca na zona entre Vimianzo e Dumbría; a Arca da Piosa ou Pedra da Arca entre Vimianzo e Zas; e a Anta de Serramo ou Pedra da Lebre, a Casota de Berdoias, a Pedra Cuberta e a Pedra da Moura integramente no Concello de Vimianzo. Asemade inclúese o Menhir de Cristal ou Bretal en Ribeira.

Dentro da provincia de Lugo, inclúense neste rexistro de BICs os xacementos da Medorra número 1 de Acebedo en Outeiro de Rei e a Roza das Modias en Vilalba como cámaras megalíticas; así como o Menhir do Alto da Goia de Guntín e a Pedra de Chantada de Vilalba como pedras fitas. Na provincia de Ourense figuran a Mámoa número 1 da Serra das Motas de Lobeira e a Mota Grande número 1 de Verea como cámaras megalíticas; e a Pedra Alta de Cortegada ou Pedra Grande de Antela nos Concellos de Sarreaus, Vilas de Barrio e Xunqueira de Ambía como menhires ou pedras fitas.

Na provincia de Pontevedra inclúense as cámaras megalíticas de As Namelas 2 e 3; a Chaira do Medio e a Mámoa dos Muíños en Agolada; a Mámoa da Cruz en Lalín, o Chan de Castiñeiras 2 ou Mámoa de Pedralonga en Marín; a Casiña da Moura en Meis; o Chan de Arquiña en Moaña; a Anta do Meixueiro ou Meixoeiro en Mos; o Coto dos Mouros en Rodeiro; a Mámoa do Rei ou Chan de Castiñeiras 1 en Vilaboa; e a Anta 1 Chan dos Touciños, a Casa dos Mouros e a Mámoa do Monte Vixiador en Vigo. Asemade, tamén é obxecto de catalogación BIC o menhir da Lapa de Gargantas no Concello de Moraña.