A Xunta inicia a incoación da Ribeira Sacra como paisaxe cultural

O conxunto fica inscrito de xeito preventivo no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia

Área afectada pola declaración BIC
Área afectada pola declaración BIC
O Diario Oficial de Galicia do pasado venres 29 de decembro publicaba a incoación do expediente polo que se declara a Ribeira Sacra Ben de Interese Cultural coa categoría de paisaxe cultural canda a "outros bens e manifestacións do patrimonio cultural material e inmaterial relacionados". A posta en marcha do proceso para a declaración inclúe a inscrición preventiva deste espazo no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia, de xeito que xa conta con protección efectiva.

O DOG inclúe a delimitación do ben e integra como novidade tres manifestacións do patrimonio inmaterial como son as festas de fachas e fachós de Castro Caldelas, Vilelos e Castelo; as festas do Entroido Ribeirao de Santiago de Arriba, o Oso de Salcedo e os Felos de Esgos; e a olaría tradicional de Gundivós e Niñodaguia. Ademais, dentro patrimonio inmoble, o expediente contempla a declaración como BIC de elementos individuais como son as Adegas de Vilachá, a Cidadela de Santa María, a Igrexa de Santa María de Temes, a Capela do poboado dos Peares, o Mosteiro e igrexa de San Paio de Abeleda, a Igrexa de Santa María de Nogueira de Miño, a Subestación do encoro de Belesar, o Mosteiro e igrexa de San Salvador de Asma, o Pazo de Tor, a Capela da Virxe de Guadalupe, a Igrexa de Santa María de Seteventos, a Igrexa e reitoral de San Vicente de Pombeiro, a Fábrica da Luz do río Mao, a Necrópole de San Vítor de Barxacova, o Mosteiro e igrexa de San Xoán de Loio, o Poboado dos Covallos de Montefurado, o Túnel e explotacións mineiras de Montefurado e mais os Muíños do río Xabrega. Canda a estes, outros espazos xa recoñecidos como BIC verán modificados as súas áreas de protección.

Ábrese agora un período de tres meses desde a data de publicación para presentar alegacións a este proxecto. Con posterioridade, continuarase coa tramitación do expediente que, segundo anunciou o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, se prevé ter rematado de xeito definitivo para o final de 2018.